Incumprimento en socorrismo

A mediados do mes de setembro xa denunciamos o incumprimento dos pregos de condicións parte da concesionaria diante da desidia e complicidade do Concello, situación que puxo en risco a saúde e seguridade dos bañistas e usuarios das praias coruñesas.

Agora o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que FESSGA cometeu graves incumprimentos en materia laboral, obrigando a xornadas de máis de 8 horas baixo condicións inaceptábeis. Concretamente o persoal do servizo de socorrismo tiña unha xornada de 10 horas, dende as 11:00 h. até as 21:00 h. con tan so 45 minutos para poder comer, tendo que facelo ademais dentro das casetas e con plena dispoñibilidade de traballo. Así, a empresa vulnerou o Estatuto dos Traballadores ao non pagar ese exceso de tempo como horas extra. A Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia tamén cometeu irregularidades coas vacacións as que tiñan dereito os traballadores e traballadoras. Xa que so cumpriu con algúns traballadores, logo da denuncia desenvolta conxuntamente por EU e CUT fai máis dun mes, asemade o fixo de maneira unilateral pagando a uns poucos “privilexidados”, outorgando días soltos a outros e incumprindo con moitos.

Esquerda Unida denuncia que o Concello presiono á concesionaria do servizo de socorrismo provocando que explotase ao seu cadro de persoal. Unha situación inaudita e inaceptábel, o Concello en lugar de exercer unha labor de control sobre a calidade dos servizos municipais á cidadanía desenvoltos polas concesionarias, asegurar o cumprimento dos pregos de condicións e, xa que logo, o cumprimento da lexislación laboral para con os traballadores e traballadoras que desenvolven os servizos municipais, dedícase a interferir nas decisións da empresa. Pois obrigou a modificar o cadrante de quendas que se utilizou dende o 15 de xuño até o 8 de xullo, que cumpría coa normativa e co prego de condicións, onde os traballadores tiñan dereito a 90 m. para xantar e 30 m. de descanso.

César Santiso, indicou que “semella lamentábel o atraso da empresa concesionaria FESSGA no pagamento das nóminas aos traballadores e traballadoras”. A normativa obriga a pagar as nóminas durante o período que transcorre do día primeiro até o quinto de cada mes, mais incumpriuse sistematicamente durante todos os meses: Así a nómina de xuño pagouse o 17 de xullo, a de xullo o 14 de agosto, a de agosto o 17 de setembro, e a de setembro o 24 de novembro, e pagouse debido ás denuncias aparecidas en prensa e o coñecemento da empresa dunha xuntanza mantida o pasado martes entre o noso grupo municipal con representantes da CUT.

 

Relacionados