Incumprimento na participación

Esquerda Unida esixe o inmediato cumprimento do Regulamento de Participación Cidadá e do Regulamento Orgánico Municipal (ROM). A Lei das grandes cidades aprobada no ano 2004 que é de obrigado cumprimento para o concello da Coruña, e que establece de maneira imperativa a necesidade de desenvolver un regulamento de participación cidadá para mellorar os canles de participación da veiñanza na política municipal. Pero ademais o propio ROM, no Título III, artigo 23, establece como órganos necesarios os Distritos e o Consello Social Coruñés (COSOC).

EU leva anos denunciando publicamente o absoluto abandono e desprezo do Regulamento de Participación Cidadá por parte dos nosos gobernantes, no que por suposto nin os Distritos nin o COSOC son órganos operativos. Feito susceptible de denuncia que provoca que os coruñeses e coruñesas non dispoñan das ferramentas de participación adecuadas, motivo polo cal dende o grupo municipal de EU-V estamos a desenvolver Asembleas de Barrio para tratar de devolver o poder á veciñanza, usurpado polos partidos políticos que gobernaron a nosa cidade durante a última década.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes presentará neste Pleno unha batería de preguntas para determinar o grado de execución do Regulamento de Participación Cidadá e do ROM de cara a emprender posibles accións legais por incumprir durante nove anos a Lei das Grandes Cidades, así como a Lei de Bases do Réxime Local 7/85 que é a lei de referencia para a elaboración do ROM, no caso de non recibir unha resposta positiva por parte do goberno municipal.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “semella paradigmático que sexa o concello quen incumpra o seu propio regulamento, que exemplo poden dar á cidadanía os poderes públicos cando tanto o goberno bipartito como o PP violan a legalidade e cercenan o dereito de participar na vida municipal á veciñanza? Loitaremos polo dereito a decidir dos coruñeses e coruñesas, porque o pobo é quen máis manda. Nunca apoiaremos a ningún goberno que non cumpra o regulamento de participación cidadá e que non aplique orzamentos participativos”.

Relacionados