Indemnizacións a promotores

Esquerda Unida pregúntase que intereses agachan PP e PSOE para asumir a indemnización aos promotores do Agra de Santo Amaro, mentres os primeiros coas as súas afirmacións están a cargar de razóns aos promotores para que demanden ao Concello, os segundos dan por feito que hai que indemnizar aos promotores pero que a dita indemnización correspóndelle pagar á Xunta de Galicia. Ambos os dous asumen que dunha maneira ou outra os poderes públicos, é dicir os cidadáns, teñen que asumir unha indemnización millonaria a uns poucos promotores por mor dun escuro convenio asinado en 1993 polo PSOE no que concelleiros do propio PSOE xunto con poderosos da cidade estaban implicados no que semella unha trama con intereses espurios.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes sinala que os promotores do Agra de Santo Amaro non teñen dereito a indemnización, mais o PP utiliza esta escusa para o pelotazo urbanístico de Durmideiras. Efectivamente como vimos denunciando dende hai meses, non existe ningunha responsabilidade patrimonial porque os propietarios non patrimonizaron en tempo o seu aproveitamento urbanístico. O PXOM do 1998 determinaba un prazo máximo de execución de catro anos, mentres que os propietarios tardaron máis de seis anos en presentar o proxecto de compensación, dende a aprobación da delimitación do polígono o en 2001.

Ademais o propio PXOM de 1998 que permitía 37.171 m2 de nova construción é contraditorio e os estudos de detalle de 2001 e 2002 que incrementaban a edificabilidade até os actuais 37.767 m2 actuais, son nulos de pleno dereito ao omitirse o tramite de informe previo vinculante da Consellería de Cultura, vulnerando así o principio de xerarquía normativa. En definitiva o PP pretende escudarse na falacia da necesidade de conmutar os terreos para evitar indemnizacións millonarias aos promotores cando en realidade nada ten que indemnizar.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que ”a sentenza a favor dos intereses dos coruñeses incide, como levamos tempo afirmando, en que non existen dereitos de indemnización”, porén tanto PSOE como PP utilizan o caso como arma política, mais semella que os dous coinciden en defender os intereses dos promotores a costa dos da cidadanía. Nada novo baixo o sol, PP e PSOE son a cara e a cruz da mesma moeda, ambos son os partidos do réxime que representan un sistema corrupto e deslexitimado, que compre transcender con urxencia polo ben das familias traballadoras.

 

Relacionados