Información sobre subvencións

Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal negase a dar información sobre as subvencións que outorgou a dedo en deportes. Diante dunha serie de preguntas que presentamos solicitando información sobre os convenios con entidades e Fundacións, coa fin de desenvolver prácticas deportivas, o PP en lugar de dar a debida resposta como establecen as prácticas de bo goberno e incluso a propia lexislación, respondeu de maneira xenérica a todas elas indicando que a información aparecía na páxina web, situación esta que non se corresponde coa realidade. Se ben calquera convenio debera figurar sempre na web institucional, dado que se trata de transferencias feitas con  cartos públicos sobre os que cidadanía debe ter información, o certo é que por norma xeral non aparecen, e goberno decide arbitrariamente conceder unha subvención aquí e outra alá sen que prorporcione información acerca dos criterios polos que decide, así como cos que avalía o cumprimento das razón polas que se outorgan tales subvencións.

Haberá que lembrarlle ao concello para que serven as preguntas municipais; non se trata de unha escusa para que o concello faga publicidade da súa brillante xestión, se non que se trata dunha serie de cuestións plantexadas por parte de Concelleiros/as ou dun determinado Grupo Municipal en relación coa súa actividade, para con elas dar maior información sobre a xestión pública, sobre aspectos tan variados como as motivación dunha ou doutra política pública

O grupo Municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistra 36 preguntas para controlar os convenios asinados con clubs deportivos, así como o grado de cumprimento do goberno local co seu programa electoral. Concretamente preguntamos por cada un dos importes que aparecen no anexo de transferencias do orzamento 2012 para coñecer si finalmente asinouse o convenio e os compromisos cuantificables e acreditables que adoptou a entidade receptora e si esta cumpriu os ditos compromisos e como o acreditou. Asemade tamén preguntamos polos 120.000 €  destinados a financiar o programa de subvencións para entidades deportivas en concorrencia competitiva para saber a contía das entidades beneficiarias e cal foi o criterio de distribución dos fondos. Finalmente preguntamos polo control financeiro que exerce o goberno municipal, en relación co cumprimento dos compromisos adquiridos polas entidades beneficiarias dos cartos dos coruñeses e coruñesas, para coñecer o numero de entidades inspeccionadas e si algunha incumpriu os acordos.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o PP segue a bloquear o dereito de información á oposición e incumpre o principio de transparencia, por tal motivo EU non presenta preguntas orais no pleno como protesta diante desta situación”.

César Santiso sinalou que “o auténtico liderazgo na política municipal amósase na súa práctica cotiá. O noso grupo pula en todo momento porque dende o concello se faga unha rendición de contas obxectiva que facilite e promova o acceso á información que teña que ver co uso dos fondos públicos. A diferenza é clara: fronte á ocultación e o escurantismo, nós defendemos a transparencia”.

Relacionados