Destacan ademais que permitirá o espolio e a depredación dos recursos de territorios ocupados coma fronte ás costas do Sáhara Occidental. Defenden que suprimir a referencia obrigatoria á orixe, data e zona de captura castigará ás pequenas empresas beneficiando, unha vez máis, aos grandes.
Con esta modificación as grandes empresas poderán enganar con total impunidade aos consumidores suplantando a pequenas empresas galegas recoñecidas pola súa calidade, como no caso de Conservas Cuca.
Santiago de Compostela, 1 febreiro de 2013.- O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda denuncia o ataque ao sector conserveiro e pesqueiro galego por parte do PP que pretende deixar nun estado de total desprotección as pequenas empresas artesanais do noso país aos suprimir a referencia obrigatoria á orixe, data e zona de captura das materias primas no etiquetado dos produtos conserveiros e da pesca fresca.
O grupo parlamentario quere manifestar a súa total oposición ás pretensións do grupo parlamentario europeo do PP que a través do chamado informe Stevenson, busca a modificación da actual obriga de incluír este tipo de información o que suporá de pretexto para que as grandes empresas do sector enganen á cidadanía o tempo que se castigará ao pequeno sector artesanal e de calidade.
Así, información por exemplo sobre o día da captura non será obrigatoria bastando con que se poña a data do desembarque dos produtos, ou a obrigatoriedade de informar sobre o carácter fresco ou conxelado do produto. “Toda esta información necesaria para a plena transparencia e para preservar o dereito de información dos consumidores queda engulida polas enmendas do PP” destacan dende AGE.
Con estas modificacións o que se favorecerá será a “carreira tola da deslocalización e do dumping industrial”. O propio Consello Regulamentador do mexilón de Galicia advirte de que estas modificacións provocarán que conservas anónimas de peor calidade aproveiten a calidade das galegas para suplantalas ao abeiro da opacidade e ignorancia dos consumidores e consumidoras o que supón unha fraude. Un exemplo claro desta situación o temos por exemplo na fábrica Conservas Cuca tal e como xa denunciou o grupo parlamentario de AGE en repetidas ocasións.
Pero esta maniobra de opacidade informativa en materia de alimentación non só afecta a Galiza e aos consumidores e consumidoras en xeral, van moito máis alá. Dende o grupo parlamentario Alternativa Galega de Esquerda poñen o acento no feito de que a modificación permitiría o silencio e anonimato da procedencia cando as capturas teñen lugar en caladoiros de territorios ocupados, como fronte ás costas do Sáhara Occidental, favorecendo a explotación ilegal de recursos naturais e vulnerando as resolucións e principios da ONU. “Trátase dun anonimato cruel que rouba a identidade a todo un pobo maltratado” e choca frontalmente coa legalidade que inspiran as resolucións da ONU en favor da autodeterminación” sinala o deputado Xabier Ron quen presentou unha interpelación no Parlamento relativa a este tema.
Deste xeito, a modificación da normativa non só suporía un duro golpe contra o xa de por si danado sector conserveiro e pesqueiro en Galicia senón que permitirá o expolio e a depredación dos recursos dun territorio ocupado impulsando a explotación e comercialización ilícita de produtos procedentes das augas cuxa soberanía debe repousar na RASD.
Esta iniciativa presentada por Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento nace, no que atinxe aos aspectos que afectan ao pobo saharaui, do traballo conxunto realizado polo deputado Xabier Ron coa asociación Western Sahara Human Rights Watch e a colaboración de CEAS-Sahara.