O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lamenta que no último Pleno o goberno municipal dedicárase a atacar ao anterior goberno bipartito en lugar de debater sobre a moción que presentamos sobre a creación dun centro de inclusión social. Algo que ao noso entender é extremadamente grave pois debido á duración da crise económica, estamos a padecer unha situación de emerxencia social sen precedentes como demostra o feito de que unha de cada catro familias coruñesas mantense unicamente en base a subsidios.
Diante desta situación semella lóxico que o goberno municipal asuma a súa responsabilidade, liderando, vertebrando e coordinando a loita contra a exclusión social. Porque as entidades que traballan neste eido, que están a desenvolver unha grande labor social, manifestan de xeito público que se atopan desbordadas por mor do incremento exponencial da demanda, non cabe dúbida de que xurde a necesidade de colaborar e compartir tanto recursos como iniciativas para dotármonos das ferramentas necesarias que permitan desenvolver de xeito integral políticas de inclusión social na nosa cidade.
Esquerda Unida e a AVV. Os Anxos anuncian a recollida de sinaturas para a creación dun comedor social municipal no Birloque. Esta iniciativa xurde logo de que o goberno municipal nin tan sequera dera resposta a unha solicitude rexistrada pola asociación en marzo do ano pasado. Neste sentido subliñar que o PP, ademais de rexeitar a nosa moción de xaneiro, tamén rexeitou unha moción presentada en outubro do ano pasado para crear unha rede municipal de comedores sociais públicos, cuxa primeira actuación era precisamente a habilitación como comedor social dun local municipal sito na Avda. de Glasgow Nº 10 que leva anos baleiro, habida conta de que a zona do Birloque presenta uns maiores índices de vivendas de protección oficial, entre 8000 e 10.000 como indicou o seu presidente quen subliñou o carácter marxinal do barrio e as grandes necesidades de moitos dos seus habitantes.
César Santiso, indicou que “apoiamos a iniciativa da AVV. ao tempo que anunciamos a nosa colaboración activa na recollida de sinaturas que unha vez rexistradas darán lugar a unha nova moción na esperanza que o goberno municipal recolla o clamor social do barrio, o PP debe comprender que nun Estado social, o acceso aos alimentos debe ser un dereito e non un acto de beneficencia, polo que o goberno municipal non pode conformarse con outorgar subvencións a entidades privadas benéficas, senón que debe actuar proactivamente. Non cabe dúbida que cando o mantemento das condicións mínimas de vida depende do esforzo solidario de persoas que colaboran nas ONG de maneira altruísta, algo está a fallar no noso sistema e os poderes públicos no están a actuar da maneira correcta.
Ramón Mañana pediu o apoio de comerciantes, veciños e veciñas na campaña de recollida de sinaturas para demostrar ao goberno municipal que o comedor social é unha necesidade no barrio, neste sentido pediulle “humanidade” ao goberno local.
O presidente da AVV. Os Anxos fixo fincapé no elevado número de persoas maiores, que viven soas, polo que dito comedor social desenvolvería un rol de activador social para estas persoas, non so polo mero feito de compartir mesa e mantel senón porque poderían desenvolverse actividades sociais de sobremesa, o que permitiría que abandonarían o seu estado de illamento nas súas casas. Ademais forzaríalles a facer un desprazamento de ida e outro de volta ás súas casas, promovendo así un mínimo de exercicio físico tan necesario a esas idades.