Iniciativas antitouradas

Esquerda Unida e Galicia Mellor Sen Touradas anuncian novas iniciativas logo do rexeitamento do PP á moción do referendo vinculante sobre as touradas. A negativa do goberno municipal a tan sequera debater a moción presentada por EU-V semella un acto de prepotencia e desprezo aos milleiros de coruñeses que rexeitan a feira taurina. Diante desta soberbia do PP coruñés ambas as dúas organizacións desenvolveran novas iniciativas para acadar un apoio social aínda máis amplo, como por exemplo reparto de novo material informativo coa presenza de César Santiso, despregue de faixa ao longo da cidade denunciando a situación inicial e conferencias con posterior debate para promover a participación cidadá.

Para o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes o referendo vinculante sobre as touradas é un obxectivo irrenunciable sobre o que continuaremos traballando con forza e determinación. Estamos convencidos de que en pouco tempo conseguiremos rematar con este acto cruel cos animais no noso concello, porque as touradas na Coruña teñen un percorrido baseado no subsidio e o agasallo de invitación.

Neste sentido Rubén Pérez sinalou que o goberno municipal non ten que escudarse no desenvolvemento de ningún estudo económico, como en reiteradas ocasións afirmou Julio Flores, chega con observar os datos de asistencia as touradas do pasado mes de agosto con tan so 4.674 abonos e entradas vendidas nos tres días de feira taurina, mentres que o concello subsidiou encubertamente cuns 90.000 € este acto cruel cos animais coa cesión e adaptación do Coliseum, cesión de despachos de billetes e outros agasallos. Polo que afirmou que “Ao final acabaremos nós desenvolvendo unha consulta popular”.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal vén de demostrar o seu desprezo pola participación cidadá, a nula atención ao sentir xeral da veciñanza gobernando de costas a cidadanía” a pesares de que o 73% dos coruñeses e coruñeas rexeitan que se subvencione con cartos públicos este acto cruel cos animais e a participación do Concello na organización e realización da feira taurina constitúe unha subvención encuberta as touradas.

Relacionados