Campaña Rebelión Democrática

As familias traballadoras estamos a vivir situacións moi difíciles que causan humillación, dor e sufrimento como consecuencia da imposición dos privilexios e o enriquecemento desmedido dunha minoría da sociedade.

Esta minoría non dubidou nunca en utilizar todas as medidas ao seu alcance, incluída a ruptura da democracia e a violación das liberdades para garantirse a concentración de poder e riqueza en moi poucas mans. Así todas as conquistas sociais acadadas con esforzo, sufrimento é dor están ameazadas polas decisións dos recentes Gobernos de España, tanto do PSOE como do PP, que en aplicación da ditadura dos mercados e a troika (Comisión Europea, Fondo Monetario Internacional e Banco Central Europeo), preténdennolas arrebatar para salvar aos estafadores dos bancos e aos especuladores.

Diante deste escenario, Esquerda unida – Os Verdes chama á cidadanía á rebelión democrática para derrotar ao goberno e a súa política antisocial, porque chegou o momento de organizarmos e converxer todos os sectores, colectivos e persoas que padecemos uns recortes que non teñen outro obxectivo que facernos retroceder cincuenta anos, no que podemos considerar un golpe antidemocrático contra a maioría da sociedade.

 

É a hora da resistencia, da mobilización e a alternativa para acabar con esta política que empobrece e fai sufrir a maioría da poboación, que nos humilla e que impón unha regresión moral que pretende arrebatar a nosa dignidade como persoas. Así coa escusa da crise o PP está a aplicar toda unha batería de medidas ideolóxicas encamiñadas a rematar co estado do benestar e cos dereitos da maioría social. Redúcennos os salarios, fannos traballar máis anos e máis horas semanais, expúlsannos do mercado de traballo cun despedimento fácil e barato, desmontan os servizos públicos de saúde, educación e atención á dependencia, ameazan as pensións, poñen en risco a investigación recortando dereitos, cercenando as liberdades e limitando a democracia, que foron tamén, conquistas do pobo.

 

O consello comarcal de Esquerda Unida comezou hoxe unha campaña sostida de longa duración en todo o Estado para que o pobo recupere a dignidade e os dereitos que os nosos gobernantes néganos. Así  unha nutrida representación do consello comarcal desenvolveu unha entrega de dípticos para informar do contido da campaña e recollida de sinaturas no Obelisco dende as 10:30 h. da mañá até o mediodía.

 

Esta rebelión ten que parar os recortes e cuestionar as políticas que os fundamentan, derrotar a lóxica da estabilidade orzamentaria e acabar coa idea de que o déficit e a débeda están por riba do benestar das persoas e dos dereitos democráticos. Asemade debe servir para lograr que o pobo se pronuncie e tome nas súas mans os destinos do país para facer pagar a crise aos seus autores, aos especuladores, aos estafadores financeiros consentidos e estimulados polas elites antidemocráticas que rexen os destinos da actual política da Unión Europea, pactada pola socialdemocracia e a dereita dos países europeos.

 

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indicou que “chamamos a todos os cidadáns e cidadás a incorporarse a esta rebelión, a mobilizarse, a participar activamente na loita por outra política coa súa acción e as súas propostas, porque parar os recortes, a regresión social e a involución democrática é posíbel”.

Relacionados