Inmoble de Aduanas

Queremos significar a perda de utilidade que supón deixar vir abaixo un inmoble sito na fachada de entrada á cidade, no peirao de Curuxeiras,  edificio que pode albergar usos públicos e sociais necesarios para o desenvolvemento da cidadanía de Ferrol.Yolanda Díaz insta á alcaldía a xogar un papel valente diante da Administración Central do Estado en orde a conquerir a cesión deste inmoble a nosa cidade, que tantas propiedades e espazos cedeu ao longo dos séculos para as actividades dependentes do Estado e que tan pouca xenerosidade atopa cando se trata de devolver espazos para a nosa cidadanía por parte do Estado.

Namentras non se proceda a concretar a cesión, a formación política de esquerdas e ecoloxista considera necesario que se garanta o mantemento do inmoble para evitar deterioros que logo fagan difícilmente reutilizable o inmoble. Dende o Goberno Municipal se teñen que levar adiante os pasos previstos na normativa municipal para que o Ministerio vele polo axeitado mantemento do edificio e así o imos requerir na Comisión informativa de Urbanismo.

O Grupo Parlamentar de Esquerda Unida vai instar ao Ministerio nunha nova iniciativa para que proceda a cumprimentar a legalidade vixente, de xeito que se proceda a eliminación do escudo franquista que aínda preside o frontispicio do inmoble, nunha aberta vulneración da lei 52/2007, que contempla a eliminación dos símbolos exaltatorios do réxime franquista. Esta medida entendemos que tería que facerse de oficio por parte do Ministerio e tería que instarse tamén dende o propio Goberno Municipal, a pouco que ámbalas dúas institucións teñan un mínimo sentido de respecto pola democracia e as vítimas da ditadura franquista.

 

 

 

Relacionados