Innación diante dos debedores

 

Na liquidación do orzamento correspondente o exercicio 2010 figuraban ao redor de tres millóns de euros en cotas de urbanización que empresas promotoras adeudaban ao Concello e que non foran cobradas. Pero observando os anuncios que o Servizo de Recaudación periodicamente publica no Boletín Oficial da Provincia podemos supoñer que a cifra global da débeda das empresas promotoras é moito máis grande.

 

Esquerda Unida denuncia a inacción do Concello para cobrar as débedas que teñen as empresas promotoras.

 

Pero así como hai promotores inmobiliarios irresponsables que non fan fronte as súas obrigas, tamén hai cidadáns responsables que cumpren puntualmente cos seus impostos e que non gustan de ver como outros non o fan. Un exemplo de cidadá exemplar é a que nos fixo chegar copia dun escrito presentado por ela mesma no rexistro xeral do Concello (Código de entrada RMPEVV040R) polo que informa dos bens embargables que posúe unha empresa promotora que está nun listado de morosos publicado no Boletín Oficial da Provincia polo Servizo de Recadación.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes preguntará ao Goberno municipal porque logo de case dous anos dende que se notificou á empresa SEISA S.L. a providencia de embargo aínda non se executou o embargo a pesares de que a devandita empresa segue sen pagar as súas débedas co conxunto de coruñeses e coruñesas. Semella inaceptábel e claramente ineficiente que o Concello lle dea ese marxe de tempo as empresas, tempo máis que suficiente para que cando realmente se realice o embargo, xa non exista nada que embargar. Concretamente a pregunta será:

 

Unha vez coñecidos polo Concello a existencia de bens embargables propiedade dunha promotora que debe o pago de tributos ao Concello dende hai anos, e que segundo as nosas informacións xa non ten traballadores nin actividade, pensa o Concello proceder ao embargo destes ou vai deixarlle tempo suficiente á empresa para que se desfaga deles antes de que podan ser embargados?

 

César Santiso indicou que “é inxusto que as familias traballadoras cumpran as súas obrigas tributarias co Concello e as empresas dispoñan de barra libre tributaria. Esquerda Unida chegou a María Pita coa clara intención de exercer control e fiscalización sobre as actuacións do Concello para promover a igualdade entre todos os coruñeses e coruñesas e recuperar o marco legal e normativo vixente, porque A Coruña semella a cidade sen lei onde hai cidadáns de segunda que pagan os seus impostos e unha casta privilexiada de cidadáns que se atopan por riba do ben e do mal”.

 

Relacionados