Insubmisión comedores escolares

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) apoia a insubmisión das familias ao decreto que estabelece o pagamento nos comedores escolares públicos. “A dereita non cesa no seu labor de desmantelamento da escola pública e, así, da igualdade de oportunidades”, denuncian os deputados de AGE Ramón Vázquez e Xabier Ron, “e contra esa ofensiva antidemocrática apoiamos á sociedade civil e á comunidade escolar en calquera medida de resistencia aos recortes”. A Alternativa cónstalle que hai asociacións de nais e pais de alumnos que non están cubrindo os impresos de pagamento dos comedores escolares en protesta por unha medida inxusta. A imposición da Xunta do señor Núñez –cobrar ás familias polo comedor escolar- será legal, pero é absolutamente ilexítima.

Pero é que ademais de se tratar dun decreto infame, a súa aplicación por primeira vez este curso está a orixinar moitísimos problemas. Entre outros, que os alumnos desprazados a colexios fóra da súa zona de influencia por falta de prazas sexan obrigados, independentemente do nivel de renda familiar, a pagar a tarifa máxima nos comedores, 4,50 euros ao día. A propia Consellaría de Educación enviou unha circular informativa en que lembraba aos directores a obrigatoriedade de cobrar o servizo de comedor ao alumnado escolarizado fóra da súa área. Sen excepción ningunha. “Isto non é de recibo”, critican os parlamentarios de Alternativa, “ademais de estabelecer o cobro nos comedores escolares, menten ao asegurar que este se fará por renda. No caso dos alumnos desprazados, nin sequera se ten en conta ese factor”.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) rexistrou esta mañá unha proposición non de lei no Parlamento para que o alumnado escolarizado obrigatoriamente fora da súa área de influencia, por non ter unha praza pública no seu centro de referencia, teñas as mesmas condicións de acceso ao servizo de comedor que o alumnado pertencente a área de influencia. “Pero en ningún caso aceptaremos un lavado de cara da norma do PP”, conclúen Vázquez e Ron, “senón unicamente a súa abrogación”.

Relacionados