A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda afirma que “nin sequera Rajoy, que anda chorando por Europa, defende o extremismo do déficit como a Xunta do PP”.
“Se non hai dereitos sociais, non hai democracia”, afirma Díaz, antes de denunciar que “o importante é o respecto ás persoas e non ás institucións”.
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2013.- A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, expuxo no pleno de debate de Orzamentos as dúas emendas do grupo parlamentario que afectan á contía global das contas presentadas pola Xunta para 2013. E fíxoo a partir da denuncia do “discurso ideolóxico” a prol dos de arriba que agochan presuntas decisións económicas cualificadas de tecnocráticas por quen as defende, a dereita. “Vostedes gobernan tributariamente para os de arriba”, acusou Díaz ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo, “e a caída de ingresos sobre a que basean os seus discursos é unicamente responsabilidade súa, porque debilitan a política fiscal”.
A parlamentaria de Alternativa, que interveu ante unha Cámara onde os escanos da oposición –agás os dos deputados encargados de defender as emendas- continuaban baleiros en protesta polo veto de Pilar Rojo á entrada de cidadáns, denominou “contrarreforma fiscal” as medidas adoptadas polo PP. Entre outras, a suba do IVE, a redución das taxas de sociedades e patrimonios, ou os agasallos e amnistías fiscais para ricos e defraudadores. Como alternativa a estas circunstancias, a emenda de AGE propón espremer ao máximo a capacidade impositiva da precaria autonomía galega, con carácter redistributivo de arriba a abaixo, para acadar así 150 millóns de euros máis e destinalos a gasto sanitario e educación. Esas modificacións suporían, por caso, crear un imposto por dano medioambiental das augas encoradas, un imposto sobre o patrimonio, outro ás grandes superficies comerciais ou un plan de inspección e loita contra a fraude fiscal.
Ademais, Alternativa Galega de Esquerda declárase insubmisa ante as leis que consagran os recortes. Por caso, aquelas normas que limitan o déficit. A troika impón o 4,5% de déficit ao Estado español e este deriva os axustes ás comunidades autónomas. Á Galicia mételle “un corsé inaceptábel” do 0,7%. “Nin sequera Rajoy, que anda chorando por Europa para que flexibilicen o obxectivo de déficit español”, explicou Yolanda Díaz, “defende o extremismo do déficit como o fai a Xunta do PP”. A maiores, AGE oponse á lei de teito de gasto aprobada no Congreso en 2011 e trasladada ao Parlamento de Galicia e amósase partidaria de aumentar a capacidade de endebedamento sempre que esta débeda se dedique á educación e a sanidade públicas. “O señor Feijóo é o presidente que máis se endebedou na historia da autonomía”, afirmou Díaz, “o que hai é quen preguntar é ¿onde están eses cartos?”.
Porque, resumiu a viceportavoz de Alternativa, “se non hai dereitos sociais, non hai democracia”, e esixiu máis partidas para a cooperación cos países empobrecidos. Rematou cualificando a política de emprego do PP como “a de Andrea Fabra, a do ‘que se jodan” e finalmente lembrou que “o importante é o respecto ás persoas, e non ás institucións”.