Á MESA DO PARLAMENTO
Eva Solla Fernández, deputada pertencente ao Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda (EU-ANOVA), ao abeiro do disposto no artigo 148 do Regulamento da Cámara presenta a seguinte Interpelación relativa ao Programa de Cribado dependente da Consellería de Sanidade.
O Programa de cribado que aplica o Servizo Galego de Saúde acaba de sufrir un recorte, según os Orzamentos autonómicos dispostos para o ano 2013, de máis dun 15%.
O Programa de cribado é un instrumento que permite a detección precoz de diferentes doenzas, coma a xordeira neonatal, as metabolopatías e deficiencias endocrinas no recén nado e o cancro de mama na nosa Comunidade. Por isto, no Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda, entendemos que a diminución dos recursos na prevención primaria e secundaria pode causar serios prexuízos na saúde de moitas galegas e galegos.
Recentemente a Conselleira de Sanidade, preguntada por este tema, afirmou que non se ían producir recortes nos servizos da prevención do cancro de mama e mesmo que estudiaban aumentar o programa con cribados para cancro de colon.
Por estes motivos, apreséntase a seguinte Interpelación:
1.-En qué medida van a afectar as diminucións orzamentarias ao Programa de cribado.
2.- Ante o anuncio de manter o mesmo servizo para o cancro de mama, o recorte da partida prevista para o programa afectará só no referente á xordeira neonatal e metabolopatías?
3.- Como pensan aumentar os servizos do Plan engadindo cribados para cancro de colon partindo dunha reducción orzamentaria.
4.- Que medidas concretas se van a adoptar para que co recorte orzamentario se manteña o mesmo nivel de prestacións dentro da política xeral de sanidade preventiva da Comunidade Autónoma?
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2013