Intimidación do Sergas en Ourense

A xerente de xestión integrada do organismo e curmá de Núñez Feijóo remitiu unha carta aos empregados en que lles prohibía informar aos medios de comunicación sobre calquera aspecto do Sergas.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2013.- Unha carta asinada pola xerente de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en Ourense, Eloína Núñez, advertía a semana pasada ás traballadoras e traballadores de que lles estaba “prohibido” dar información aos medios de comunicación sobre o  Sergas. E, engadía, en horas laborais ou fóra delas. Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), esta actitude resulta intolerábel. “Isto non é máis ca un intento de intimidación para intentar calar ao persoal sanitario”, explicou a deputada Eva Solla, responsábel da área sanitaria no grupo parlamentario de AGE.

A misiva, datada o 22 de xaneiro e con sinatura de quen é curmá de Alberto Núñez Feijóo e membro da Executiva do PP de Galicia, tamén lembra aos asalariados do Sergas en Ourense, Verín e O Barco que “non está permitido gravar imaxes ou sacar fotografías” nos centros do Sergas. Segundo a parlamentaria Eva Solla, o contido desas admonicións “vai contra o dereito de liberdade de expresión contido na Constitución, polo que é claramente ilegal”. Alternativa Galega de Esquerda considera que son os recortes orzamentarios na sanidade pública os que producen o aumento de reclamacións dos pacientes e a precarización das traballadoras e traballadores. “As reivindicacións sociais medrarán nos vindeiros meses”, avisa Eva Solla, “e o Sergas dirixido polo PP quere aplacalas a base de impoñer o silencio”.

Relacionados