Investigación contra fraude fiscal

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) impulsou esta mañá no pleno do Parlamento unha proposición non de lei para dotar á Axencia Tributaria de medios de investigación contra a fraude fiscal e sobre os bens susceptíbeis de estar relacionados co narcotráfico. Logo de aceptar os engadidos dos outros grupos da oposición –PSdeG e BNG- e do PP, a iniciativa saíu adiante por unanimidade. “Isto é máis necesario que nunca porque o ministro Montoro paralizou en Galicia 49 investigacións sobre o patrimonio de narcotraficantes”, lembrou a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda, Yolanda Díaz, “xusto cando transcenderon as fotos do señor Núñez Feijóo co contrabandista Marcial Dorado. Non sei se será casualidade, pero foi así”. Entre os obxectivos da Axencia Tributaria, a través do Plan de Residencias Suntuarias, que foron suspendidos atopábanse a vila de Vilanova de Arousa.

Díaz repasou os preocupantes datos sobre fraude fiscal e economía somerxida no Estado español. Esta última acada, segundo a propia Axencia Tributaria, un 20 ou 25% do PIB. “Existe un gran burato na economía, ao que tamén contribúen as amnistías e as exencións do Goberno de Mariano Rajoy”, expuxo, “que fai que nos afastemos dos estándares europeos malia ter unha estrutura fiscal semellante”.

Os catro grupos con escanos no Parlamento aprobaron, finalmente, a proposta para que o organismo reanude as investigacións dos patrimonios susceptíbeis de estar relacionados.

Relacionados