EU-V leva tempo intentando controlar os procesos de contratación e o funcionamento dos servizos das concesionarias, entre elas a do grupo Vendex, mais atópase co escurantismo do goberno municipal. Neste sentido semella fundamental establecer de urxencia mecanismos democráticos de control e transparencia, para asegurar que se cumpran os pregos de condicións porque no caso de que o goberno do PP non desenvolva as medidas necesarias para aclarar a situación desta e outras concesionarias sería, no caso de confirmase os delitos, cómplice dos corruptos.
Esquerda Unida propón a creación dunha comisión de investigación non remunerada para controlar as concesións adxudicadas ao grupo Vendex e o desenvolvemento deses servizos municipais, habida conta que este grupo empresarial obtén a metade dos seus ingresos en Galiza do Concello da Coruña, pois baixo destinas denominacións ostenta e ostentou a concesión de diversos servizos municipais, a meirande parte delas con polémica tanto a nivel de execución dos servizos municipais, como en relación aos seus resultados económicos, como no comportamento co seu cadro de persoal, así existen queixas dos traballadores e da veciñanza na xestión dalgunha das concesións como por exemplo cando non pagaban a tempo aos traballadores de deportes, aos da ORA, os de limpeza, ou aos da grúa. De feito os monitores de actividades aínda dependen desta empresa e non teñen asegurado o cobro dos seus salarios, ou os incumprimentos coas concesións dos Museos Científicos, no acuarium, ou coa xestión da Torre.
César Santiso indicou que “Os coruñeses e coruñesas teñen dereito a saber o que aconteceu durante décadas coas múltiples concesións na Coruña a este grupo empresarial ao que se lle están a imputar presuntas actividades delitivas, como demostra o feito de que se decretase o ingreso en prisión do responsábel da empresa, xa que logo demandamos que no caso que se detecten irregularidades se depuren as responsabilidades políticas en paralelo ao que ditamine a xustiza”.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón que o Concello recupere a xestión municipal de ORA e grúa debido as escandalosas perdas que presenta a concesionaria e que segundo o contrato teñen que pagar os coruñeses, unha situación que levamos denunciando dende hai tempo así durante os tres últimos anos as perdas declaradas ascende a 1,7 millóns de euros, mentres que nos seis primeiros meses de 2012, situación que o goberno local do PP comprometeuse publicamente a resolver cando o denunciamos en decembro de 2011, máis nada o pouco fixo pois as perdas no primeiro semestre de 2012 foron de 308.922,73 €, é dicir máis de 50.000 €/mes.
Así a concesionaria recibe das arcas municipais a cantidade deficitaria derivada da xestión destes servizos, e dicir unha vez máis os coruñeses e coruñesas temos que financiar as perdas dunha empresa privada, tal e como establece o contrato adxudicado en abril 2005, debido a mala xestión pública do PSOE que cando goberna dedicase a brindar contratos que aseguren a socialización da perdas das empresas ao tempo que privatiza os beneficios.
Esta situación semella inconcibíbel, pois non se pode entender que unha empresa que tiña que dar importantes beneficios debido a súa actividade recadatoria presente perdas diarias por valor de 2000 €, xa que logo esiximos que o Concello desenvolva unha auditoría económica e no caso de detectar indicios de fraude presente a denuncia correspondente para iniciar un proceso xudicial contra a empresa.