Irregularidades fondos FEIL 2009

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera moi grave que o Tribunal de Contas detectase irregularidades do bipartito en relación co Fondo Estatal de Inversión Local (FEIL) do 2009, efectivamente o órgano fiscalizador detectou irregularidades en diversas partes da tramitación, destacando o feito que o Goberno bipartito incumpriu en reiteradas ocasións a obriga de supervisar os proxectos, sen vixiar polo cumprimento da normativa, tanto legal como técnica, como por exemplo no polideportivo de Novo Mesoiro ou na instalación de xogos infantís e solo sintético nos colexios públicos, feito especialmente grave si se ten en conta que non se vixiou pola saúde e integridade dos nosos rapaces. Nalgúns casos como na mellora de iluminación da rúa Monasterio de Caaveiro licitáronse as obra antes de facerse o replanteo, e dicir sen comprobar a dispoñibilidade dos terreos e a súa realidade xeométrica.

 

Esquerda Unida esixe ao goberno municipal que cree unha comisión non remunerada para investigar a mala xestión dos fondos FEIL, porque o tribunal tamén reprocha a falta da publicidade adecuada nos concursos públicos, e incluso inexistencia de causas xustificadas para modificar o presuposto do polideportivo de Novo Mesoiro, que curiosamente case coincide cos 217.971 € de adxudicación á baixa coa que a empresa gañou o concurso cunha oferta de 1.742.197. Obra que ademais entrou en servizo case cun ano de atraso.

 

César Santiso, subliñou “opacidade na contratación e adxudicación, falta de control sobre os proxectos, modificacións de presupostos inxustificadas… alguén fixo unha chapuza pola que ten que render contas diante da cidadanía coruñesa, porque estamos cansos que se xogue tan a lixeira cos cartos de todos e todas nós. Ninguén na súa casa contrata unha obra e non controla a súa execución o permite que lle incremente o prezo orzamentado ser razón que o xustifique, cal é o motivo para que pase isto no Concello?”

 

Santiso indicou que “Estes fondos pretendían ser unha ferramenta dinamizadora da economía, razón pola cal facíase máis necesario, se cabe, un uso racional e eficiente deles, instamos ao goberno municipal a que abra unha comisión de investigación non remunerada, porque non podemos deixar sair de rositas aos culpábeis desta desfeita”.

Relacionados