Izquierda Unida denuncia ante a Comisión Europea a persecución sindical en Alu-Ibérica

As eurodeputadas de Izquierda Unida Sira Rego e Manu Pineda, veñen de dirixirse co apoio do resto de compañeiras do grupo parlamentario de La Izquierda (The Left) e dos Verdes (Greens-EFA) no Parlamento Europeo  ao Comisario Europeo de Emprego Nicolas Schmit, denunciando a grave persecución á que se está a someter á representación sindical e legal dos traballadores de Alu Ibérica na Coruña.

O despido de catro sindicalistas, entre os que se atopa o Presidente do Comité de Empresa de Alu Ibérica, Juan Carlos López Corbacho, logo dunha década de mobilizacións e loita en defensa dos postos de traballo e da necesidade de prezos competitivos da enerxía eléctrica, constitúen un atentado contra a liberdade sindical.

Izquierda Unida lembra á Comisión Europea que esta persecución sindical prodúcese nun contexto de desindustrialización e de mobilizacións na defensa de industrias estratéxicas en rexións (A Coruña e Asturias) de Transición Xusta, zonas moi golpeadas polos procesos de reconversión industrial e o proceso de descarbonización da economía.

Neste momento, atopámonos ante un desmantelamento planificado das industrias, un empeoramento nas condicións laborais dos traballadores, o incumprimento de acordos e a persecución sindical dos representantes sindicais.

No caso de Alu Ibérica, a pesares que a loita dos traballadores conseguiu manter aberta a factoría de aluminio e o mantemento dos postos de traballo, as sucesivas vendas da empresa, agora en mans do  Grupo Industrial Riesgo conlevaron unha progresiva descapitalización da mesma e unha preocupante ausencia de investimento que contravén a totalidade dos acordos de venda. De feito, a propia e última operación polo que Parter Capital trasladou ao Grupo Riesgo incumpre todos os compromisos adquiridos tanto cos traballadores, como coas administracións públicas.

Izquierda Unida solicita ao Comisario que actúe mediante o recoñecemento desta persecución sindical e manifeste a súa solidariedade cos traballadores afectados pronunciándose sobre esta cuestión.

Relacionados