Javier Couso co naval de Ferrol

O eurodeputado da Esquerda Plural, Javier Couso xunto coa coordinadora de Esquerda Unida e vicevoceira de AGE, ofreceron unha roda de prensa sobre as actuacións que levarán a cabo ante a situación na que se sitúa o sector naval de Ferrolterra tras a negativa da construción do dique flotante.

Yolanda Díaz esixirá a comparecencia de Feijóo no parlamento galego para que “dea contas das súas consignas electorais sobre a construción do dique”, ademais de explicar á cidadanía que plan de pretende agora para unha comarca que está a esmorecer, a coordinadora de EU considera que “o presidente ten moito que explicar, queremos saber que pasa cos cartos asignados nos orzamentos da Xunta á construción do dique ademais de esixir o coñecemento do plan industrial agochado que Feijóo ten para o sector naval público e que están a aplicar pola porta de atrás”.

Acompañado tamén polas concelleiras e concelleiros de Ferrolterra, o eurodeputado Javier Couso trasladou que “a situación que está a vivir a comarca é terrible, falamos dun 30% de desemprego e a construción do dique supón unha ferramenta de traballo que dada a situación é perfectamente compatible coas axudas, segundo relata o artigo 107 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea”. O eurodeputado solicitará ao Comisario Europeo de Competencia, Joaquín Almunia unha xuntanza para abordar a situación do asteleiro e o por que da negativa da construción do dique.

 

Relacionados