José Luis Centella, deputado de IU- A ESQUERDA PLURAL no Congreso, no que asume a portavocía do grupo, realiza unha visita de traballo a Ferrol para abordar as problemáticas máis urxentes e importantes que temos, nomeadamente a dramática situación do sector naval público radicado na ría. Xunto con esta cuestión, Centella fará un repaso con diferentes entidades sociais das cuestións formuladas por EU no Congreso con vistas a mellorar as condicións materiais da nosa cidadanía nos diferentes eidos, indo o abano dende as cuestins de saneamento e axudas públicas á industria até os temas de rehabilitación e memoria histórica, pasando polas infraestruturas ferroviarias.
O Deputado manterá un encontro de traballo cos comités de empresa de Navantia Ferrol e Navantia Fene (as vellas e combativas Bazán e Astano) logo dunha botadura que deixa as gradas dos estaleiros públicos baleiras e cun horizonte de despedimentos masivos para este verán, namentras os gobernos do PP xogan co fume da propaganda e coa fame das familias que xa están no paro ao negarse a construír o dique flotante e non acadar nova carga de traballo, asemade de non facer nada para superar os atrancos que se poñen á construción naval pública.
Logo desa xuntanza o deputado manterá tamén un encontro protocolario coa dirección do estaleiro.
O sector naval público e as iniciativas que vén mantendo neste eido a formación política de esquerdas e ecoloxista no Congreso son a primeira problemática que de xeito monotemático en horario de mañán traballará nas reunións a manter. Mais logo, xa en horario de tarde, o deputado xirará xuntanzas con varias entidades da cidade para atinxir outras temáticas da meirande relevancia e actualidade.
A petición do Comité Cidadán de Emerxencia, se manterá no local veciñal de Esteiro un encontro de traballo cunha delegación de EU na que participará José Luis Centella para por en común as últimas novidades na situación ilegal de Reganosa así como para informar das iniciativas parlamentarias en curso por parte de Esquerda Unida. A xuntanza será ás 18:00 horas no local veciñal de Esteiro.
Contra as 19:30 horas, Centella coñecerá de primeira man os traballos e denuncias que dende a SGHN se levan a cabo ante o fraude nos áridos non inertizados e outras cuestións ambientais, así como se tratarán as accións que Esquerda Unida vén de realizar no ámbito institucional para que se atenda unha situación irregular que ameaza a saúde pública e o medio ambiente.