Santiago de Compostela, 23 maio de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia a deixación de funcións por parte da Xunta de Galicia ao non asumir a súa responsabilidade na conservación e protección da Lagoa da Frouxeira ao votar en contra da proposición non de lei presentada por AGE esta mañá en comisión parlamentar. A vicevoceira do grupo, Yolanda Díaz, lamentou a inacción da Xunta de Galicia que continúa sen facer nada para acabar coas “aberrantes e delictivas agresións que está a sufrir unha das xoias naturais do noso país”.
Alternativa Galega de Esquerda presentou unha iniciativa na que se solicitaba a ampliación, preservación e restauración da lagoa da Frouxeira de xeito que o humidal abranga a marxe leste da lagoa, a inclusíón dos regos tributarios da lagoa e do areal e a inclusión da superficie entre Taraza e Chan do Areal. A vicevoceira de AGE destacou a necesidade de executar o derrubo das edificacións ilegais existentes tano no ámbito protexido canto nas zonas de servidume co fin de levar a cabo o reordenamento dos usos e infraestruturas existentes. Así mesmo, defende o traslado dos diferentes establecementos de hostelaría e do paseo marítimo para os alonxar da lagoa.
A aposta do grupo parlamentar de AGE pasa por reordenar a zona da Robaleira mediante a supresión das edificacións e infraestruturas que invaden a beira litoral dándolle outra solución ao estacionamento de vehículos. Os deputados de AGE reclaman a recuperación da marxe leste segregada, eliminando os recheos e monocultivos de eucalipto que existen na zona, e que están a causar danos nos hábitats dunares, hidromorfos e de matogueira.
Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda instaba ao goberno galego a desenvolver as actuacións pertinentes na lagoa da Frouxeira, de xeito que se garanta a ampliación do ámbito protexido deste humedal, o cese definitivo da regulación artificial, o reordenamento de usos e infraestruturas que o danan e o impulso dos procesos de restauración ambiental. Unha iniciativa que contou co voto en contra do PP o que amosa a súa falla de sensibilidade medio ambiental e o seu inexistente respecto pola riqueza natural do noso país.