Langtry dimisión

Menospreza á oposición e á veciñanza, ao non recoñecer aos seus lexítimos representantes políticos e sociais: partidos e asociacións.

Segundo Javier Galán, voceiro municipal, semella que o Concelleiro Langtry ten como cruzada persoal tratar de derruír o indestructible, que é a voz dos ferroláns e ferrolás a través do seu tecido asociativo, que expresan as verdadeiras necesidades de Ferrol por medio do debate, o coñecemento real e a pé de rúa, e as conclusións participadas, máis alá dunha mera xestión tecnócrata que se desenvolve no pazo municipal. A aseveración que fixo no día de onte, manifestando que os orzamentos son participativos a través do Plan de Barrios é un insulto e unha declaración de guerra ao principio democrático de participación recollido nun texto legal como é o Regulamento de participación cidadá, botado ao lixo e sen aplicar, empregando no seu lugar un Plan de Barrios tipo Benvido Mr. Marshall, una combinación de mantenemento ordinario de viais e xestión dos fondos europeos do Plan Urban, que tan só procura unha foto do alcalde na primeira plana dos medios dous días á semana, non vaia ser que a inacción do goberno condene ao esquecemento ao ilustre pero incompetente alcalde de Ferrol.

Uns orzamentos nos que o emprego non é considerado unha prioridade absoluta na comarca dos 20.000 desempregados, uns orzamentos teledirixidos á cortes de cinta e inauguracións permanentes e uns orzamentos que non teñen en conta máis que a autosatisfacción de encarar á vindeira campaña electoral cos deberes cumpridos no que a fotos vacuas se refire, non poden ser considerados máis que un fiasco, unha fraude, unha verdadeira tomadura de pelo aos veciños e veciñas de Ferrol, que nin se asoman a solucionar os problemas estruturais da cidade.

Suso Basterrechea, coordinador local, pide a súa reelaboración, con participación real da veciñanza, por medio dos mecanismos regulamentarios, nos que se teña en contra a situación de emerxencia social e laboral que vive a nosa cidade, e que non se pidan cretos para continuar financiando obras suntuosas, contratos sen publicidade e lavados de cara dun Ferrol que esmorece, que poderá quedar adecentado, pero rematará baleiro e pechado.

O cumio do despropósito do Sr. Langtry, un segunda fila que pasou a detentar  o poder económico do Concello, e que non tivo reparos éticos en firmar convenios coa empresa familiar ou inxectar diñeiro público en Fimo para subvencionar despedimento, é considerar a situación do Naval un imponderable, un compartimento aséptico e estéril no que a política non ten intervención, e que é simplemente azar ou un infortunio que a carga de traballo, o flotel ou o dique brillen pola súa ausencia, condenando á fame ou á emigración á mocidade da comarca. Este concelleiro, que trata con man de ferro ao cadro de persoal do Concello  e actúa con eles como a policía do pensamento orwelliana, ten a ousadía e desvergoña de anunciar aos medios, que non á oposición, un novo endebedamento, polo Concello da solvencia, como eles cualifican, un endebedamento que non explica o seu fin,  despois de ter acumulados seis millóns de euros de remanentes, e é que parece que a rolda de prensa do concelleiro foi máis o pistoletazo de saída da campaña electoral que a presentación dun orzamentos.

Relacionados