Lei de Garantías Sanitarias

Non só Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Non só todos os grupos da oposición parlamentaria. Nin colexios de médicos e médicas, asociacións de enfermeiros e enfermeiras e sindicatos do sector. Mesmo o Consello Económico e Social, tal e como lembrou esta mañá no pleno do Parlamento a deputada de AGE Eva Solla, advertiu da catástrofe que suporá a Lei de Garantías Sanitarias aprobada en solitario pola maioría despótica do Partido Popular: “O texto que se presenta a ditame trae consigo un cambio cualitativo no actual podelo sanitario, impulsando un sistema mixto caracterizado por unha maior presenza da provisión privada”. Solla resumiu así o obxectivo último da norma: “Desviar fondos públicos cara ás empresas da sanidade privada, a través dun transvase continuo de pacientes da pública á privada”.

Mentres o PP, que impuxo a lei sen atender a practicamente ningunha das emendas da oposición, ocultaba as intencións últimas da lei –a privatización da sanidade pública e universal, pasiño a pasiño e seguindo as directrices ideolóxicas da troika-, Alternativa Galega de Esquerda esforzouse en explicar as graves consecuencias da mesma para as clases traballadores. “Que fan vostedes para vender o seu produto?”, inquiriu Eva Solla, “rodealo de cousas positivas, crear unha suposta necesidade do produto, neste caso un texto legal”. Para iso constrúen unha amálgama de textos xa existentes e reducen os dereitos dos pacientes. “Recortan os dereitos dos menores de idade respecto da segunda opinión médica, algo que estaba regulado dende 2007, e limitan os de persoas con enfermidades graves de causa hereditaria”, sinalou Solla.

Outra materia fundamental, esquecida na intervención da dereita encarnada polo PP, e que Alternativa considera chave foi a tesoira aplicada ao cadro de médicas e médicos. Dende 2010, segundo datos do propio Sergas, xubiláronse 500 facultativos e facultativas. Cunha taxa de reposición do 10%, as prazas non se están a cubrir. Para 2015, explicou Eva Solla, o persoal médico terá minguado en 600 profesionais. “E aínda a señor Mosquera [conselleira de Sanidade] ten a desfachatez de dicir en público que ‘hai que repensar cubrir cada praza de médico”, expuxo a parlamentaria de AGE, “vergoña debería darlle cando as listas de espera se incrementaron só no último ano un 8%. Como, nesta situación, pode insinuar que sobre persoal médico?”. Todo nunha lei que carece, coa seguinte xustificación da Xunta, de memoria económica: “O orzamento asignado correspóndese co dedicado aos programas de autoconcertación así como os convenios cos concertos sanitarios”. “Peonadas e privatización”, resumiu Solla o programa do Partido Popular.

“As empresas privadas aplauden coas orellas”, afirmou a deputada de AGE, “porque collerán o que sexa máis rendíbel, as intervencións con menos estancia hospitalaria e menos complicadas, as que economicamente dan máis beneficios”. Non unicamente. A lei estabelece medidas coercitivas cuxo fin último é prestar servizos á industria privada da sanidade. Por caso, este artigo, o 9: “Pérdese a garantía cando o usuario non opte, no prazo estabelecido para o efecto, por algunha das alternativas ofertadas polo servizo de saúde ou rexeite o centro ou centros alternativos ofertados”. “Asegúranse vostedes de que os pacientes non se poidan negar a ir á privada”, denunciou Solla, “e ameázanos con lles retirar a garantía de seren atendidos en tempo e forma”.

Alternativa Galega de Esquerda, a través de Eva Solla, reiterou a esixencia de dimisión da conselleira de Sanidade Rocío Mosquera “por incapacidade para xestionar a sanidade pública” e concluíu cualificando a denominada Lei de Garantías Sanitarias de “auténtico roubo contra as clases populares e a prol das empresas privadas e as elites económicas”.

Relacionados