Lei de Investigación e innovación

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de presentar unha emenda de devolución ao proxecto de lei de “fomento da investigación e innovación en Galicia” porque, en palabras do deputado David Fernández Calviño, “a norma é unha cortina de fume que non conduce a nada”. Para empezar, denunciou no pleno parlamentario desta mañá, o texto non inclúe ningún apartado sobre o financiamento. “Esta lei non di nada”, argumentou Fernández Calviño, “e carece do fundamental, o financiamento”. O parlamentario de Alternativa espiu o fondo das intencións da Xunta de Feijóo ao lembrar que en 2008, cando gobernaba o bipartito, os programas para doutores, tecnólogos ou centros de alta tecnoloxía contaban con 30 millóns de euros. Este ano, serán catro millóns.

“Gustoume moito o seu discurso, señor conselleiro”, comezou Fernández Calviño a súa intervención, “agás por unha cousa: non é certo”. O conselleiro de Industria, Francisco Conde, debuxou na súa exposición unha paisaxe que non se corresponde coa realidade e que nin sequera analizou “os problemas da investigación en Galicia”. Problemas que o deputado de Alternativa traduciu a exemplos concretos: a eliminación das bolsas Parga Pondal, a marcha a Euskal Herria do doutor Liz Marzán, a ausencia dunha liña de asentamento dos investigadores galegos, etcétera. “Vostedes non toman isto en serio”, concluíu, “porque estou convencido de que ao PP non lle interesa que en Galicia haxa xente formada”. Para demostralo, a dereita que soporta o Goberno de Núñez Feijóo rexeitou a emenda de devolución de AGE.

 

Relacionados