Levantamento do veto no naval público

A resposta da Comisión Europea á pregunta formulada pola eurodeputada de AGE en Europa, Lidia Senra é nidia: a partires do primeiro de xaneiro do 2015, Navantia xa non terá límites e vetos a súa capacidade produtiva. Esta iniciativa deixa sen excusa ao goberno central e da Xunta para comprometer investimentos e un plan de acción, porque como subliñou Yolanda Díaz: “é o tempo e a oportunidade de Ferrolterra”. Non son momentos para demoras ou confusións, son tempos para un quefacer público decidido a prol dunha industria estratéxica para o noso país. O ministro e o presidente da Xunta non se poden ir durmir sen comprometer xa unha bateria de actuacións para pór ao día o estaleiro de Fene.

Esquerda Unida esixe do goberno central- SEPI en colaboración coa Xunta de Galicia a elaboración  dun plano industrial para os estaleiros públicos da ría de Ferrol, que contemple de xeito particular os investimentos necesarios para pór en condicións de executar encargos de traballo ao estaleiro de Navantia Fene. Lembrou a coordenadora nacional de EU as diversas  iniciativas presentadas no Congreso dos Deputados pola Esquerda Plural  interesándose polo abano de medidas a desenvolver polo goberno central para fornecer as capacidades produtivas do estaleiro fenés no horizonte do levantamento do veto. Daquela foran desconsideradas polo goberno da quenda restauracionista con dúbidas acerca do efectivo levantamento do veto e cero compromisos efectivos. A resposta europea dá razón á iniciativa de EU.

Yolanda Díaz reclama a adopción dun plano que integre os investimentos produtivos necesarios para conquerir nova carga de traballo e ampliar as plantillas para que o estaleiro de Fene teña a capacidade de atender pedidos e encargos no mercado mundial. A elaboración do plan industrial pasa por incorporar tanto as suxestións e achegas críticas da plantilla ao traverso do sindicalismo de clase canto  por implicar a unha Xunta de Galicia, que ten que rectificar a súa inane obediencia a Montoro para colaborar activamente no proceso de dotar a Fene e Ferrol das capacidades produtivas que precisan os estaleiros para xerar emprego e dinamización industrial de alto valor engadido.

Nese escenario de tempo oportuno para Ferrolterra, Yolanda Díaz afirmou a vontade de acadar, nunha loita unitaria, o dique flotante e o dique seco cuberto como ferramentas para afianzar os encargos da división de reparacións a ría de Ferrol; a tal fin a deputada da AGE instou á Xunta e ao goberno do Estado a presentar unha acción conxunta diante de Europa para conquerir estes investimentos produtivos. Este país, Ferrolterra, precisa deses investimentos, non do ministro de Guindos nun posto de luxo en Europa.

 

Relacionados