Liberación dos presos saharauis

A actuación das forzas de ocupación marroquí foi intolerable, tanto na violencia aplicada no desaloxo coma a tortura empregada cos presos.

Esquerda Unida denuncia o abuso das forzas de ocupación marroquís sobre o pobo saharauis. Tras coñecer a sentenza do xuízo militar aos activistas saharauis, no que non existiu obxectividade nin tan sequera se contou coas debidas garantías de respeto dos dereitos humanos, este tribunal militar condeou a nove activistas a cadea perpetua, a catro a 30 anos de cárcere, a outros dez a penas de entre 20 e 25 anos e aos dous últimos a dous anos de cárcere.

A executiva nacional de Esquerda Unida promoverá a presentación nos concellos dunha moción instando ao goberno a que esixa a liberación dos presos saharauis. Esta executiva considera que as penas aplicadas aos activistas detidos son inadmisibles e supoñen un novo ataque contra o pobo saharaui, contra o seu dereito de autodeterminación e a súa existencia, xa que se trata dun pobo sometido permanentemente a violacións por parte da forza ocupante marroquí. A sentenza pretende amedrentar a toda a xente que loita polos dereitos do pobo saharaui, deixando de manifesto a total vulneración dos dereitos de todos aqueles que defenden a causa.

Xabier Ron, responsable de movementos sociais de Esquerda Unida esixe ao goberno central suscribir o cumplimento das resolucións da ONU. O deputado de Esquerda Unida a través do grupo parlamentario de AGE vén de presentar unha proposición non de lei para esixir ao reino de Marrocos a posta en liberdade de todos os presos políticos saharauis e subscriba o mandato do Parlamento Europeo, do 7 de febreiro de 2013, adoptado na XXII sesión do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas.

Por todo isto Esquerda Unida, insta ao goberno central a que esixa a liberación dos presos saharauis e reclama a necesidade dun mecanismo internacional de seguimento dos dereitos humanos no Sahara Occidental así como acadar unha solución do conflito baseada no exercicio do dereito á autodeterminación do pobo saharaui, como establecen numerosas resolucións das Nacións Unidas.

 

Relacionados