Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2013.- O pasado 1 de febreriro principiaba un capítulo máis da opresión que soporta o pobo saharaui como é o xuízo militar ao que están sendo sometidos 23 saharauis, que permanecían no cárcere desde novembro de 2010, despois do violento desmantelamento do campamento de Gdeim Izik, nas aforas da cidade de El Aaiún.
Dende o grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda queren lembrar, como fai CEAS-Sáhara, que máis de 15.000 persoas chegaron a manifestarse de forma pacífica reclamando melloras socioeconómicas. O 8 de novembro de 2010, mentres as autoridades de Marrocos negociaban cos voceiros do campamento, este foi disolto de forma violenta.
Nos días posteriores á disolución do campamento sucedéronse episodios de persecución, acoso, detencións, unha dura represión, aderezada con denuncia de torturas, que terminou con 23 persoas defensoras dos dereitos humanos no cárcere e acusados de pertenza a banda armada. Un novo insulto para atemorizar e minorar o apoio que se lle presta á xusta causa do pobo saharaui tal e como denuncian dende AGE.
Civís xulgados por un tribunal militar. Unha dilatación no tempo de 2 anos intolerable que vulnera o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos. Desde Alternativa Galega de Esquerda denunciamos este feito inxustificable e rexeitamos que sexan xulgados por un tribunal militar. Non existen garantías de transparencia nin de independencia deste tipo de sistema xudicial.
Xabier Ron, deputado de AGE, quere manifestar o seu apoio ás demandas de organizacións que defenden os dereitos do pobo saharaui como Western Sahara Human Rights Watch ou CEAS-Sáhara e esixe que os organismos internacionais presionen para que os 23 presos políticos saharauis sexan liberados. AGE reitera o seu compromiso de solidariedade co pobo saharaui e reclama que se atendan ás resolucións da ONU para devolverlle ao pobo as terras hoxe ocupadas por Marrocos.