Liberalización de horarios

A modificación da lei de horarios de Galicia que pretende impulsar o Goberno de Feijóo destrúe emprego e non beneficia nin aos consumidores nin aos traballadores.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2013.- Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a modificación de lei de horarios de que a Xunta do PP está a tramitar no Parlamento –e que mañá se someterá a votación en pleno- esnaquiza o comercio tradicional e de proximidade e non beneficia nin aos consumidores –así o amosan as enquisas do CIS ao respecto- nin moito menos aos traballadores. “Non hai demanda para unha ampliación e unha maior liberalización de horarios nin por parte dos consumidores nin por parte do pequeno comercio, para quen estas medidas prexudican os seus postos de traballo”, indica o grupo parlamentario na emenda de devolución que redactou o deputado Antón Sánchez, “e benefician ás grandes superficies e precarizan o emprego”.

Segundo AGE, a liberalización de horarios só favorece ás grandes empresas de distribución e significa a imposición da lei do máis forte. En obediencia ás directrices emanadas de organismos internacionais que non responden á soberanía popular, o Goberno de Feijóo traslada a Galicia a normativa do Estado sobre a materia, o que invade as competencias autonómicas en comercio interior. “É un paso máis no camiño contrario ao que Alternativa considera que é correcto, e a través dos que as grandes empresas de distribución acadan cada vez unha maior cota de mercado a costa do comercio local”, explica o parlamentario, quen defende un “comercio máis próximo, máis sostible, que crea máis traballo e que axuda a manter vivos os centros urbanos de vilas e cidades”.

Relacionados