Esquerda Unida solicita que se depuren responsabilidades en relación coa concesión dunha licenza ilegal para reformar e unir o soto e o baixo do edificio sito na Praza da Vista que albergou o, xa pechado, Le Club. Así, a Xunta de Goberno local outorgou permiso para reforma o 18 de marzo de 2003, licenza para instalación dun pub o 6 de agosto de 2004 e o 7 de marzo de 2005 permiso de funcionamento.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes preguntará no Pleno quen e sobre que base decidiu conceder unha licenza ilegal cando o Plan Especial de Protección e Rehabilitación Integral da Cidade Vella e Pescadería (PEPRI) o impedía expresamente, no seu artigo 68 que especifica que so se admite a unión de planta baixa e soto para salas de reunión de categoría 1, mentres que o uso especial de pub entra na categoría 2, como argumentou o xuíz ao ordenar a reposición anterior.
A dita sentencia, levou aos promotores do pub a denunciar ao Concello por outorgar licenzas sen axustarse a normativa urbanística, reclamándolle o investimento desenvolvido para habilitar o pub, ao que o xulgado deulles a razón.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “aínda que o importe non é representativo, o Concello debe evitar que se repitan este tipo de eivas que supoñen un custo inútil e evitábel para as arcas municipais”.
César Santiso afirmou que a cidadanía coruñesa xa está farta de que se xogue tan á lixeira cos cartos públicos, cartos que son de todos e todas”.