Liquidación de Alimentos Lácteos

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2013.- O deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez denuncia que a Xunta oculta información básica sobre o proceso que conduciu á liquidación de Alimentos Lácteos. Así concluíu logo de que onte o señor Núñez, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, admitise a posibilidade que os xestores tivesen responsabilidades, algo que o seu Goberno negara ate agora. “Ademais das responsabilidades dos administradores, afiliados do Partido Popular e colocados no seu posto polo PP, que nós esiximos dende o primeiro día”, afirma Sánchez, “tamén hai que esclarecer as responsabilidades da Xunta, que prestou oito millóns de euros a un proxecto inviábel”. O señor Núñez permitiuse restar importancia a estes cartos desbaldidos.

Alternativa, lembrou Sánchez, solicitou toda a documentación relativa a estes préstamos participativos, concedidos por Xesgalicia para intentar aclarar a cuestión. E para intentar que a desfeita perpetrada polo Goberno do señor Núñez afecte na menor medida posíbel aos centos de gandeiros e cooperativas que traballaban con Alimentos Lácteos e aos 81 empregados da factoría. “Non é de recibo que a Xunta queira eludir responsabilidades, cando foi ela quen decidiu que cooperativas entraban no proxecto e quen serían os xestores”, conclúe Antón Sánchez, “e mesmo dende Xesgalicia tomaron decisións concretas como os prezos do leite en determinado intre”.

AGE esixirá as comparecencias das conselleiras de Medio Rural e Mar e de Economía e Industria para que dean as explicacións pertinentes.

Relacionados