Listas de espera na sanidade

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia as consecuencias do brutal ataque da dereita encarnada polo PP do señor Núñez a un dereito básico da cidadanía como é a sanidade pública. “O crecemento das listas de espera é resultado do proceso de desmantelamento da sanidade pública conducido polo PP”, critica a deputada de Alternativa Eva Solla. Segundo os datos publicados polo Sergas esta fin de semana, o período de espera para pacientes de cirurxía é de practicamente 99 días. No anterior trimestre era de 82. As organizacións de defensa da sanidade pública consideran, porén, que esa espera é en realidade case un 50% máis, se se teñen en conta as listas non estruturais.

Solla tamén alerta, ao fío dos alarmantes números, de que a proxectada Lei de Garantías Sanitarias abre a porta á competencia entre a sanidade privada e a sanidade pública, ao permitir ao paciente escoller onde quere ser operado. “Pero é que ademais o Partido Popular, con esa peculiar concepción do parlamentarismo que consiste en esmagar á oposición, non aceptará ningunha emenda política a ese texto”, sinala Eva Solla, “cheo de trampas e que persigue facilitar aínda máis o camiño aos liquidadores da sanidade pública”.

Relacionados