Lonxe de reducir o gasto público, o goberno do Partido Popular ataca sen pudor a sanidade cun obxectivo ben distinto á universalización dun dereito, desviar parte do orzamento público cara petos privados.
Esquerda Unida fai un balance negativo das listas de espera nas intervencións de cirurxía. A maquillaxe das cifras é evidente e o aumento nas listas de espera, en concreto nas intervencións cirúrxicas vai en aumento, unha consecuencia máis dos recortes que se están a aplicar e que a cidadanía está a padecer.
Esquerda Unida denuncia que en tres anos de goberno de Feijóo, a lista de espera en cirurxía pasou de 34.048 a 37.689 persoas”. A pesares de presumir de boa xestión, a realidade é que en xuño de 2009, no inicio do goberno de Feijóo, na lista de espera estrutural cirúrxica había 34.048 persoas en Galicia e o tempo de espera medio era de 67 días, e que, tras 3 anos de xestión do Partido Popular, esta lista increméntase nun 10%, con 37.689 persoas pendentes dunha intervención cirúrxica e unha espera media de 80,3 días, un 20% maior que en 2009 e 10 días por riba da media do Estado.
Yolanda Díaz, coordinadora nacional e candidata á Xunta, manifesta que “o goberno non é transparente coas listas de espera, xa que os usuarios desviados do sistema público non contabilizan como espera estrutural”. Esquerda Unida considera prioritario o coñecemento das listas de espera reais de todas e todos os pacientes galegos pendentes dun diagnóstico ou dunha intervención cirúrxica que poida afectar á súa independencia e vida laboral nestes tempos de recortes nos servizos sociais e dereitos da poboación galega.