Locais Álvaro Cunqueiro

 

Unha decisión economicista que pecha un abano de posibilidades e necesidades que ten a cidadanía de Ferrol. A Xunta vende ou aluga unha treintena de locais, negando a nosa cidadanía a cesión destes espazos públicos, para simplemente  tentar facer negocio con eles. Quizabes a Xunta tente reactivar o negocio do ladrillo a conta de deixar sen opcións a unha serie de necesidades e utilidades para a nosa cidade.  Así se publicaba onte no DOGA nos anuncios da administración autonómica.

 

En outubro de 2009 o noso Grupo Municipal presentara unha moción en relación con estes locais pedindo que se negociase coa Xunta a súa cesión a este concello para empregalos en tarefas de utilidade pública e social. A moción aprobouse coa abstención do PP. Lamentablemente nen os gobernos municipais, o anterior do PSOE nen o actual do PP, fixeron ren para  facer realidade unha moción que servía aos intereses da nosa cidadanía ao proporcionar espazos públicos para desenvolver iniciativas sociais ou públicas.

 

A nosa organización denuncia a intención da Xunta de especular con locais públicos que poderían cumprir funcións de utilidade pública e social. Queremos pór como exemplos o posible traslado a estes espazos do Museo do Xogo Popular, hoxendía sito no colexio público de Esteiro. Ou a realidade de entidades sociais que necesitan un espazo para realizar actividades. Sen esquecer que nalgún intre  haberá que proceder a descentralizar administrativamente os servizos do concello  e que para entón sería ben dispor nun barrio da importancia de Esteiro de inmobles públicos para atender a tal finalidade. Pedímoslle cordura e rectificación ao PP.

 

O Grupo Municipal de Esquerda Unida demanda unha rectificación da Xunta de Galicia, de xeito tal que se cedan unha serie de locais para usos públicos e sociais para o concello de Ferrol.  E xa que logo, reclamamos do Goberno Municipal que negocie coa Xunta de Galicia esta petición aprobada polo Pleno do concello de Ferrol a proposta de EU.

Relacionados