Loita contra a pobreza

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe que o concello coordine a loita contra a pobreza emerxente local. Na nosa cidade temos un importante déficit en canto a servizos sociais, debido ao exponencial incremento da emerxencia social. Os comedores sociais de beneficencia e os bancos de alimentos redobraron esforzos, pero non poden enfrontarse con garantías ao problema. O goberno municipal non pode seguir limitando a súa acción social a incrementar as subvencións a determinadas ONG. Ante o aumento das cifras de pobreza, os poderes públicos deben intervir para garantir as condicións mínimas de vida da cidadanía, observándoas como un dereito e non como un agasallo. Na Coruña as distintas entidades benéficas e o propio Banco alimentario volveron a declarar que se senten superados diante dunha demanda que crece de maneira exponencial, nunha situación económica que levará moitos anos superar.

Esquerda Unida aposta por incrementar os servizos municipais para axudar ás persoas en risco de exclusión social. Propoñemos un plan liderado polo Concello que vertebre e coordine a loita contra a pobreza. A través do mesmo, crearíanse novos servizos municipais de protección social como unha Rede de comedores sociais e un Centro Municipal de Inclusión Social (CIMS). Estamos a falar dun centro polivalente que permitan unha acción integral en prol das persoas que se atopan temporalmente en situación de necesidade, pero tamén respostar aos elementos estruturais para paliar a situación de emerxencia. Pola outra banda, a rede municipal de comedores sociais públicos pretende asegurar que todos os coruñeses teñen acceso a unha alimentación digna no momento en que a precisen e que o acceso a esa alimentación poida exercerse dende os diferentes barrios con seguridade e sen estigma social.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “mentres a loita contra a pobreza e en favor das persoas excluídas esixe un esforzo por parte dos poderes públicos, neste concello fiase todo ao traballo dos voluntarios das ONG de beneficencia, o cinismo de Negreira coa exclusión social socava as bases do estado do benestar da cidade para levar a cabo proxectos non prioritarios”.

Relacionados