Loitar contra as alerxias

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón a elaboración dun plan de saúde municipal que reduza o incremento das alerxias na cidade e palíe as súas consecuencias. O concello debe velar polo benestar da súa veciñanza, neste sentido cabe recordar que os procesos alérxicos restan calidade de vida ás persoas que os padecen.

Na Coruña, os parques e xardíns convértense en certas épocas do ano en orixe de alerxias polas especies vexetais que teñen. Para reducir o seu impacto entre os que padecen este problema, o Concello debe comprometerse a estudar que axentes causan máis alerxias, identificar as plantas máis proclives a xerar esas afecciones entre a poboación e establecer un plan para a súa substitución paulatina das mesmas. Esquerda Unida propón que se abandone a plantación de especies alerxénicas e que se retiren progresivamente as que xa están en parques e xardíns municipais, substituíndoas por outras que non produzan este tipo de afeccións.

Así pois, semella necesaria a substitución, para o cal debese establecer un protocolo que permita desenvolver dita actuación. Neste sentido propoñemos que se revisen os pregos de contratación dos servizos de creación e mantemento de xardíns e parques públicos municipais para prohibir a implantación de especies alerxénicas, así como a progresiva substitución das existentes por outras hipoalerxénicas que reduzan a incidencia de alerxias debidas ao polen.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “as choivas e a humidade dos últimos meses pintan unha primavera moi dura para os alérxicos, o Concello debe actuar para garantir a saúde e benestar da veciñanza”.

Por outra banda, a Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda un mínimo de unha árbore por cada tres habitantes en zonas urbanas así como un mínimo de 10 m2 de superficie verde por habitante. A existencia de pulmóns verdes na cidade paliaría en gran medida a incidencia de asma e alerxias, coa mellora da calidade de vida dos afectados e as incidencias positivas no aforro en medicinas e en custo de baixas médicas. Asemade consideramos que a caracterización da nosa cidade como una urbe “verde” sería un valor turístico de primeiro orde.

 

Relacionados