Loitas localistas: Feijóo e Negreira

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez, rexistrou unha pregunta para a súa resposta no pleno do Parlamento de Galicia na que solicita información sobre os datos ou informacións estatísticas oficiais que serviron de soporte para que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmase no pasado pleno que o IBI medio de Vigo é máis caro que na Coruña.

De acordo cos datos estatísticos oficiais da Dirección Xeral do Catastro do ano 2012 (os últimos publicados) o IBI medio na cidade da Coruña é, con diferenza, o máis elevado de Galiza. O IBI medio pagado pola cidadanía coruñesa no 2012 é de 330,10 €, un 12,6% superior ao de Vigo. Deste xeito Feijóo pretende difundir en sede parlamentaria as mentiras e falsidades divulgadas a nivel local polo alcalde popular da Coruña, Carlos Negreira, pero “tanto o alcalde da Coruña como o presidente da Xunta están a mentir”. O deputado Antón Sánchez explica que menten porque esquecen o dato fundamental de que Vigo, aínda tendo un tipo impositivo maior ao da Coruña a base liquidable (á que se lle aplica o tipo) é maior na Coruña que en Vigo, polo cal a cota líquida a pagar (base liquidable x tipo impositivo) é maior na Coruña. E a causa diso é que a ponencia de valores, que é a que determina o valor catastral e a base liquidable, é máis antiga en Vigo (1990) que na Coruña (1997), polo cal as bases liquidables medias son maiores na Coruña (55.821 €) que en Vigo (34.520 €).

O que en realidade pretenden o Feijóo e Negreira con estas loitas localistas é esquecer a realidade dun IBI que medrou considerablemente nos últimos anos por decisións do goberno do Estado, do Partido Popular.

Relacionados