Alternativa Galega de Esquerda (AGE), en liña coa súa oposición frontal á denominada Lei de Mejora de la Calidad Educativa (Lomce), vén de esixir no Parlamento de Galicia a paralización inmediata do desenvolvemento normativo da mesma. “A lei entrou en proceso de aplicación e desenvolvemento normativo de xeito precipitado e improvisado”, denuncia o deputado de AGE Ramón Vázquez na argumentación da proposición non de lei (pnl, no documento anexo), “o que amosa o apuro do Partido Popular por poñer en marcha a súa contrarreforma educativa”.
Alternativa Galega de Esquerda critica as consecuencias da “aplicación urxente” dunha regulación rexeitada por toda a comunidade educativa galega. Entre as mencionadas consecuencias, atópase, por exemplo, a redución do orzamento destinado a regular “aspectos específicos” da FP básica: de 2.000 millóns de euros a 50, a repartir entre todas as comunidades autónomas”. O sistema de acceso á universidade que propón a Lomce debeu ser adiado porque os actores involucrados afirmaron ser incapaces de preparar as probas segundo esixía o ministerio do reaccionario Wert.
AGE xa solicitou en sede parlamentaria unha memoria económica e un estudo de impacto da Lomce en Galiza, mais a Xunta de Alberto Núñez Feijóo nunca atendeu a estas demandas. O Tribunal Constitucional vén de aceptar seis recursos contra a lei Wert, o que engade incerteza á “trapallada normativa” dun texto so atinado “no seu afán por volver a un ensino centralista, segregador e clasista”.
Amais da súa paralización inmediata, Alternativa Galega de Esquerda tamén solicita a constitución dunha “comisión parlamentaria especial” que analice o impacto económico e organizativo da Lomce no sistema educativo galego.