Maior decisión cidadá

 

Con todo, ese grande investimento xunto cos constantes trastornos que sofre a cidadanía coruñesa non se ven reflectidos na satisfacción da veciñanza en canto as súas demandas de servizos e infraestruturas, como o amosa o feito de que a maioría das AAVV denuncian que o concello non cumpre os compromisos acadados, sobre todo cos barrios máis afastados dos centros.

 

Así, a meirande parte das demandas de actuacións en servizos e infraestruturas desenvolvidas polas distintas Asociacións de Veciños da Coruña, foron desentendidas polo Goberno local, feito que para o Consello Comarcal de EU constitúe unha grande eiva de gobernanza e unha nova demostración da ineficacia do bipartito coruñés quen está a errar na política de investimentos ao seguir apostando polo modelo do cemento, en lugar de desenvolver un novo modelo produtivo local menos dependente do petróleo que sexa nenos contaminante e insostible, como leva tempo demandando Esquerda Unida a través da proposta de elaboración colectiva dun Plan Estratéxico Municipal de Potenciación da Economía Local e Desenvolvemento do Pequeno Comercio, Autónomos e PYMES.  

 

EU considera que o concello está a desenvolver moitas actuacións por intereses propios,  sen ter en conta as necesidades e demandas da veciñanza, e por riba as anuncia a bombo e prato ao estilo do despotismo ilustrado; “todo para o pobo, pero sen o pobo”.

 

Xa que logo, Esquerda Unida reclama maior poder de decisión para a cidadanía, por iso propón que A Coruña avance cara unha participación cidadá real, mediante a aplicación de orzamentos participativos.

 

O Coordinador Comarcal de EU, César Santiso, afirmou que “semella lóxico e xusto que a veciñanza participe na toma de decisións que afectan directamente ao seu barrio de residencia. Chegou o momento de avanzares cara a democracia participativa e a autoxestión dos barrios”. Por iso, Esquerda Unida comprométese a pular pola súa consecución como paso fundamental para cambiar o actual modelo político totalmente afastado da cidadanía.

Relacionados