Maior participación cidadá

 

Esquerda Unida denuncia eivas comunicativas entre o Goberno municipal e a cidadanía coruñesa, así veciños de distintos barrios como O Birloque, San Cristovo das Viñas ou O Castrillón están a queixarse de falta de dialogo por parte do Goberno do PP. O cal non é de estrañar porque os concelleiros de barrio están a actuar de tapón entre a veciñanza e o Concello, debido a necesidade de pasar polo seu filtro para poder ser atendidos pola concellería á que lle demandan unha determinada actuación.

 

Non debemos esquecer que estes Concelleiros teñen outras ocupacións institucionais, polo que as demandas da cidadanía sofren atraso, cando non son obviadas directamente.

EU-V aposta por outra forma de facer política municipal, na que a opinión da veciñanza conta, na que se procuran espazos de comunicación e debate, porque apostamos polo empoderamento da cidadanía, xusto o contrario do que está a facer o PP que busca estruturas clientelistas nas que os concelleiros son conseguidores de favores en lugar de outorgadores de dereitos.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes insta ao Concello a desenvolver o regulamento de participación cidadá e cumprir, así, coa legalidade vixente. Pois o devandito regulamento emana da Lei das grandes cidades que obrigaba a súa creación, máis na Coruña nunca chegou a desenvolverse.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “si o Goberno municipal non permite a participación da veciñanza, será Esquerda Unida quen leve a súa voz ao Pleno do Concello a través das Asembleas de Barrio”.

 

César Santiso indicou que desenvolveran unha asemblea mensual, pois “aínda que nos gustaría facer máis ao mes, é o que nos permite a nosa capacidade organizativa. En todo caso, consideramos que con a dita frecuencia será suficiente para levar a voz de todos os barrios ao Concello a través de iniciativas como preguntas o mocións”.

 

Santiso indicou en relación co regulamento de participación cidadá “semella que tanto o bipartito como agora o PP prefiren gobernar sen escoitar e debater coa a cidadanía, ao máis puro estilo do despotismo ilustrado todo para o pobo, pero sen o pobo, pois ningún fixo nada por poñer en funcionamento o regulamento de participación cidadá”.

 

Relacionados