Máis peches de escolas rurais

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2013.- O Partido Popular unha vez máis volve demostrar a súa hipocrisía e a súa falla real de interese polo noso país tal e como demostra a aprobación no día de onte da Orde de catálogos de centros escolares que inclúe o peche de 15 escolas e 45 aulas de ensino, o mesmo tempo que en Santiago de Compostela tiña lugar a segunda xuntanza do grupo de medio rural no que se trataron as propostas por Alternativa Galega de Esquerda para fomentar a incorporación da xente nova no medio rural con medidas transversais nas que a educación constitúe sen dúbida un dos eixes do despegue e futuro para o rural galego.

Con este novo golpe con novos peches son xa 83 os centros de ensino público pechados polo goberno de Alberto Núñez Feijóo no ámbito rural o que supón afondar aínda máis se cabe no desmantelamento do mundo rural galego e poderíase considerar coma un crime social que lastra o noso futuro como país. O deputado de AGE, Ramón Vázquez, lamentou a postura do PP que “mentres asiste a xuntanzas promovidas por AGE para desenvolver un plan de mellora do mundo rural, continúa a desenvolver unha política de ataque e destrución que suporá a morte demográfica e económica do campo galego”. Ao empeoramento das condicións de acceso á educación é a calidade da mesma súmase a destrución de emprego que supón esta medida coa eliminación de 43 postos de traballo cos que se superan xa os máis de 1.300 postos de docente en Galicia nos cinco anos de goberno de Núñez Feijóo.

As denuncias de Alternativa Galega de Esquerda son compartidas polo propio Valedor do Pobo que no seu informe anual advirte da situación do mundo rural no que asegura non se está a garantir en condicións de igualdade o dereito a educación e insta a tomar as medidas oportunas para evitar esta situación.

O deputado de AGE, Antón Sánchez, que asistiu no día de onte á xuntanza do grupo de medio rural no que se expuxeron as propostas do seu grupo para fomentar a incorporación da mocidade no mundo rural, lamentou a dobre cara do PP que por unha banda di estar interesado en poñer en práctica medidas mellorar a situación do rural e por outro, executa políticas totalmente opostas orientadas a agravar a súa situación e acabar por despoboar totalmente o campo galego.

 

Alternativa Galega de Esquerda insiste na importancia de aproveitar o potencial do rural como saída da actual crise e por iso presentou xa o pasado mes de abril un paquete de medidas transversais e traballa na elaboración dun Plan orientado ofertar o rural como  unha atractiva alternativa laboral e saída a actual crise.   Alternativa Galega de Esquerda destaca que Partido Popular continúa a facer propaganda no que respecta ao mundo rural mentres na realidade mantén unha liña de agresión constante que rematará por afundir, aínda máis, o campo galego e aniquilar o seu futuro.

Relacionados