Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2013.- O Goberno de Mariano Rajoy ensaia a privatización dos cárceres estatais. E un dos seus campos de probas é Galicia, en concreto as prisións de Teixeiro e A Lama. Nestes centro penitenciarios, o Ministerio de Interior introducirá gardas de seguridade privados para realizar funcións que, até o momento, realizaban axentes da Garda Civil. “O Estado español pretende seguir o exemplo estadounidense e colocar os cárceres en mans de empresas privadas”, alerta a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), “e iso é moi grave”. Cando o sistema penitenciario estatal acumula críticas e denuncias de organismos internacionais e organizacións de defensa dos dereitos humanos por incumprir os estándares mínimos en trato dos presos, condicións de habitabilidade –a saturación en Teixeiro, por caso, é alarmante- ou reinserción dos internos, a única reacción do Executivo do PP consiste en iniciar o perigoso camiño da privatización.
Alternativa Galega de Esquerda, a través de Yolanda Díaz, reunírase cos sindicatos de traballadores dos cárceres galegos para analizar os planos da dereita e presentará iniciativas no Parlamento de Galicia co obxectivo de frear a entrada de empresas privadas na seguridade das prisións.