Máis recortes en sanidade

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda presentou unha iniciativa no parlamento de Galicia preguntando á consellería de sanidade sobre os problemas de abastecemento de diverso material no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) como consecuencia do sistema de pedidos derivado da privatización de almacén de productos funxibles.

Coa privatización do almacén de productos funxibles os profesionais e traballadores do CHUS están a detectar problemas coa reposición de diverso material funxible con evidente impacto na calidade da prestación sanitaria. Así, e a modo de exemplo a falla xel para o aseo das persoas hospitalizadas ou elementos como as palliñas que precisan aqueles doentes que precisan inxerir líquidos ao seu través, están a poñer atrancos obxectivos á prestación dunha debida atención sanitaria integral.

Con anterioridade á privatización do almacén eran as supervisoras pertencentes ao centro hospitalario, e boas coñecedoras das necesidades, as que encargaban os pedidos de material ás empresas subministradoras. Agora son empregados da empresa privada concesionaria do almacén (Severiano Gestión) os que se encargan desta tarefa o que está a provocar este desabastecemento relativo de materiais necesarios para prestar unha boa atención aos doentes hospitalizados.

Esa situación de falla relativa de materiais esténdese a elementos tan variados como son as luvas (téndose que empregar en ocasións luvas estériles, que son máis caras que as normais por adoecer o almacén destas últimas), para incluso darse problemas coa reposición das próteses cirúrxicas.

As razóns últimas atópanse nos recortes orzamentarios aplicados polo goberno do PP para este ano, e que gravitan tamén pesadamente sobre as existencias de material como por outra pesan nas listas de espera, a falla de profesionais e traballadores e traballadoras nos centros de saúde, en suma na progresiva erosión do sistema pública sanitario galego.

Alternativa Galega de Esquerda considera necesario que se resolvan estes problemas de desabastecemento relativo de materiais que son indispensables na cotidianeidade da atención sanitaria do CHUS xa que son aos pacientes, e non á empresa concesionaria, a quen ten que atender a consellaría de sanidade da Xunta de Galicia.

Relacionados