Máis recortes

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez, esixe á Xunta que reclame do Ministerio de Cultura máis orzamento para a Real Academia Galega. Faino a través dunha proposición non de lei (no outro documento) en que solicitan ao Parlamento de Galicia que inste ao Goberno galego para que o seu homólogo estatal “incremente de maneira substancial a partida destinada á Real Academia alega nos Orzamentos estatais de 2014”. Para Alternativa, estes fondos non poden en ningún caso ser inferiores aos 750.000 euros e deben ter como obxectivo a equiparación coa partida de 2011, dun millón de euros.

 

Segundo Ron e Vázquez, o recorte dos cartos dirixidos á institución, 67.930 euros menos respecto do pasado ano, “simboliza o desprezo do ministerio de Wert cara Galicia”. Co actual proxecto de Orzamentos, a Academia recibirá 273.070. “Isto é outro símbolo da teima ideolóxica que ten a dereita en recentralizar a vida económica, política e social”, aseguram, “e baleirar de contido, mediante a asfixia económica, o labor de institucións culturais como a Real Academia Galega”. AGE demanda, ademais, do Goberno do señor Núñez que se rebele contra a discriminación de Madrid e loite por que se recoñeza o rol institucional, lingüístico e cultural dunha “institución central para o país”.

Relacionados