O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que o colapso nos xulgados do social da Coruña está a ocasionar graves prexuízos á clase traballadora, mentres as empresas saen beneficadas pola demora no pago de indemnizacións. Así moitas familias traballadoras vense abocadas á exclusión social porque un dos seus membros é despedido de maneira improcedente e, o colapsos dos xulgados, impiden que poida cobrar a indemnización. Unha situación cada día máis recorrente debido a que empresas sen escrúpulos utilizan este barato despedimento baixo o paraugas da contra reforma laboral do PP.
Ante tal situación, a deputada de EU, Yolanda Díaz presentou unha proposición non de lei a través do grupo parlamentar de AGE avalada polas organizacións sindicais, colexio de avogados e procuradores e mesmo pola xuíza decana da Coruña. Esquerda Unida lamenta que o PP rexeitase an osa proposta de creación de novos xulgados na Coruña para evitar o actual colapso. Unha iniciativa presentada a través do grupo parlamentar de AGE, pola deputada de EU, Yolanda Díaz, sobre a constitución de novas unidades xudiciais na orde social e mercantil na Coruña, ao que o goberno da Xunta respostou indicando que non teñen previsións de crear novos xulgados.
Semella que a Xunta de Galicia prefire manter unha situación provisoria con dous xulgados de reforzo en troques de demandar a creación consolidada deles. O reforzo do xulgado do social non tramita as execucións de sentenzas; ese bloqueo na execución das sentenzas repercute nas traballadoras e traballadores que restan atrapados nunha terra de ningures que fai quimérica unha xustiza equitativa e protectora da cidadanía traballadora.
A Xunta non debe restar inactiva cando hai unha demanda tan necesaria como unánime e debe acollerse á capacidade legal recollida no artigo 29.2 da Lei Orgánica do Poder Xudicial (así como no artigo 20 da lei 30/98) para reclamar do goberno central os medios materiais e humanos precisos para administrar a xustiza no noso país.
Finalmente, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “nun contexto de desemprego como é o actual resulta inconcibible que existan dilacións indebidas nos procedementos laborais pola inacción do PP que ocasiona graves prexuízos á clase traballadora”.