Manifa afectados polas preferentes

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2013.- O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) chama á participación na manifestación nacional de  afectados polas participacións preferentes e subordinadas emitidas polas antigas caixas de aforros este sábado, dous de febreiro, en Santiago de Compostela. A marcha de protesta sairá da Alameda ás once e media da mañá e percorrerá a cidade co lema “Estafados polo goberno, espoliados polos bancos. A quita é un roubo, a canxe outra estafa. Devolución do 100% dos aforros”. Deputados de Alternativa estarán entre os manifestantes.

A protesta, secundada ademais polos sindicatos CIG, UGT e CC OO, tamén avoga pola constitución dunha banca pública galega “no sentido de defender a existencia de NovaGalicia Banco para o financiamento da economía de Galiza”. A coordinadora de plataformas e asociacións de afectados elaborou, a maiores, un manifesto en que reclaman á Xunta de Alberto Núñez Feijóo que “impugne o Real Decreto do espolio e que a arbitraxe permita recuperar os cartos a todos os aforradores e non só ao 20% dos casos. Mentres tanto, vostede está do lado dos banqueiros, dos salteadores, dos ladróns, dos estafadores”.

Relacionados