Manifestación 12S

 

A Coordinadora Nacional, Yolanda Díaz, indicou que a mobilización responde a necesidade de dar voz ás traballadoras e traballadores e dicirlle aos responsables da crise que hai outro xeito, social e democrático, de saír dela, porque as medidas tomadas ata o momento, que Esquerda Unida rexeita con rotundidade, son inxustas, non serven para crear emprego e saír da crise e ademais cargan os custos da crise sobre os que non somos responsables.

 

Yolanda Díaz destacou as principais razóns da mobilización: “defender un emprego estable e con dereitos, loitar por unha protección social plena, amosar o noso apoio pleno á convocatoria de FOLGA XERAL realizada polas centrais sindicais de clase e manifestar de maneira colectiva un abrente de esperanza para as persoas en desemprego, para os pensionistas e para o conxunto dos colectivos máis desfavorecidos da nosa sociedade”.

 

Posteriormente a Coordinadora Nacional afirmou que a política do Goberno do PSOE debuxa unha viraxe continuada e acelerada cara os dogmas, hoxendía crebados e fallidos, do neoliberalismo, en canto aceptou os ditados antidemocráticos e antisociais do FMI, Banco Mundial e o seu representante para Europa, a Comisión Europea, cuxo Presidente foi nomeado co acordo de PP-PSOE. Dende o orzamento para 2010 até o ataque que supón a contrarreforma laboral hai unha secuencia coherente de ataques e recortes aos dereitos das clases traballadoras e un desmantelamento dunha xa pobre protección social con medidas como o recorte do gasto público, perda de poder adquisitivo das pensións, baixada dos salarios no sector público ou recorte a dereitos adquiridos na lei da dependencia. E xa nos anuncian que van recortar as pensións, ao alongar a idade para se xubilar aos 67 anos e ampliar a base do período de cálculo até os 20 anos. 

 

Díaz explicou que a contrareforma laboral constitúe o meirande ataque aos dereitos das clases traballadoras e enumerou algunhas das características que a converten nunha ferramenta de poder para o capital en detrimento da maioría social: abaratamento dos despedimentos, creación da figura do despido preventivo; legalización do tráfico de persoas mediante as oficinas privadas de colocación con ánimo de lucro e a ampliación do campo de actuación das ETTs. a todos os sectores; o aumento da flexibilidade interna a discreción da patronal; e o ataque á negociación colectiva, facilitando as cláusulas de descolgue nas empresas.

 

Esquerda unida entende que somentes a participación organizada das traballadoras e traballadores pode cambiar a dinámica do Goberno de rendición diante do capital e os mercados financeiros, polo que a nosa organización invita a cidadanía a organizarse e participar e loitar con nos pola defensa dos nosos dereitos, porque hai esperanza, hai alternativa.

 

Hai respostas e solucións á crise distintas, outras, de esquerdas. Esquerda Unida presentou as súas 100 medidas para acadar unha saída de crise:

 

    Reparto do tempo de traballo coa aprobación da lei das 35 horas sen redución salarial.

 

    Aprobación dunha lei de medidas de fomento do emprego que causalice a contratación e remate coa estendida realidade da contratación en fraude de lei.

 

    Creación dunha banca pública para dinamizar o creto e impulsar a economía produtiva e sustentable.

 

    Protección social plena de maneira que ningunha persoa en desemprego non reciba unha axuda suficiente mentres non atope traballo.

 

    Reforma fiscal que recupere a progresividade da imposición, grave de xeito extraordinario os beneficios da banca privada e combata de maneira eficaz o fraude fiscal empresarial cifrado nuns 30.000 millóns de euros anuais.

 

Este domingo, día 12 de setembro, ás 12:00 horas, na Alameda de Compostela, ímonos xuntar para de maneira colectiva, entre todas e todos, construír unha Alternativa á crise, porque hai unha saída pola esquerda: dar voz ás traballadoras e traballadores do país.

Relacionados