Esquerda unida – Os Verdes participará con faixa propia na manifestación convocada polo sindicalismo de clase, en particular os sindicatos maioritarios CCOO e UGT que reclaman a derrogación do golpe de Estado laboral do PP e a fin das políticas de recortes en materia dos dereitos económicos e sociais. Obxectivos que coinciden coas demandas que vén formulando EU-V, xa que logo, son tempos de compartir co sindicalismo de clase a loita na rúa na defensa dos nosos dereitos como cidadanía traballadora.
A mobilización supón tamén o rexeitamento á entrega milleiros de millóns de euros aos banqueiros, responsables da crise e beneficiarios dela aínda hoxe, a cambio de recortar dereitos e servizos públicos á cidadanía. Un rescate que xa está a amosar a súa ineficacia para calmar aos mercados e que se vai empregar como coartada para seguir a pedir esforzos as familias traballadoras quen ada tiveron que ver coa crise pero que está na pagar as súas consecuencias.
O consello comarcal de Esquerda Unida chama á cidadanía a participares na mobilización do 20 de xuño que partirá as 20:00 h. da praza da Palloza baixo o lema non cales! Defende os teus dereitos. Semella fundamental que a maioría social realice un exercicio de resistencia cidadá na defensa dos nosos dereitos, postos en cuestión polas agresións e recortes neoliberais.
O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indicou que “temos que ser combativos e pular pola unidade de acción sindical diante dos recortes ideolóxicos que está a desenvolver o PP, xuntos seremos máis fortes, apostamos decididamente por construír unha alternativa política e social que sexa que de defender os intereses das familias traballadoras deste país.