Manifestación antitaurina

Este venres, día 2 de Agosto comeza na Coruña a feira taurina que rematará o domingo, apesares de que a meirande parte da poboación rexeita este “espectáculo” polo que se amosan contrarios a que ditas actividades se leven a cabo na nosa cidade. Por este motivo, Galicia Mellor Sen Tourdas, Libera e a Fondation Franz Weber convocan unha mobilización contra a feira taurina da Coruña. Así, o grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes participa, apoia e difunde a manifestación antitaurina que partirá do Obelisco o 4 de agosto ás 12:00h e rematará na praza de María Pita.

EU considera que a sanguinolenta morte dun animal, ensartado en diferentes elementos da máis vil tortura resulta unha pésima imaxe para unha cidade como A Coruña, onde coas alternativas actuais poderíamos promover contidos moito máis edificantes no eido cultural e social, demostrando un interese máis pola solidariedade e a integración, pola verdadeira creación artística que pola tortura animal. Por iso, Esquerda Unida rexeita que se destinen recursos públicos á promoción e desenvolvemento das touradas.

Nun contexto no que o incremento de persoas en risco de exclusión social semella ser unha constante, semella obrigado centrar o investimento no social, con todo o Concello inviste máis en subvencionar ás touradas que ás ONG, pois todas, excepto tres, teñen menor orzamento.

 

Finalmente, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que resulta insólito que nun estado de dereito aínda se continúe maltratando aos animais con espectáculos crueis e inaceptables. Non ten sentido que os poderes públicos fomenten este tipo de condutas”.

Relacionados