Manifesto 1 de Maio. A clase traballadora en loita pola emancipación e para romper coa orde capitalista

A clase traballadora en loita pola emancipación e para romper coa orde capitalista

A loita de clases existe! Claro que si. Porque existe clase obreira! Porque existe unha clase traballadora oprimida, abafada pola explotación. A loita de clases existe! Claro que si. Porque existe unha crecente e imparable desigualdade. Mais, paradoxalmente, non existe a contestación masiva e global que precisa o capital para tremer, retroceder e desaparecer. Porque falta romper o círculo hexemónico do capital que, mediante diferentes estratexias, completa unha complexa rede abafante feita principalmente de alienación, que acaba individualizando o suxeito, segregándoo dos elos colectivo da súa clase social. O capital acertou en atomizar a clase traballadora. Cómpre recuperarmos a linguaxe e vencer na praza da cultura: sen hexemonía nesta praza, non se logrará nada. A loita debe ser colectiva e debe apoiarse en todos os axentes sociais que sexan realmente contrarios a este sistema capitalista de opresión.

Hai 100 anos, o 8 de marzo de 1917, milleiros de mulleres e milleiros de homes decidiron protestar e defender a súa dignidade traballadora co berro de “Queremos pan!”. Cómpre ter en conta que foi no Día da Muller Traballadora cando, coa chamada Revolución de Febreiro, principiou unha fase esperanzadora de emancipación, que logo se truncou. 100 anos de loita e as mulleres aínda agardan por unha igualdade real, pois xa é sabido que soportan todo tipo de discriminacións en sociedade, sendo unha delas a de recibir un salario inferior ao dos homes cando realizan o mesmo traballo.

O ideal da esquerda rupturista e transformadora, o ideal socialista e comunista, aínda segue en pé. Ese ideal debe ser o estandarte que sustente as loitas que deben vir. O precariado actual non se sostén. Para emanciparse, a clase traballadora debe rachar o xugo que a quere submisa e resignada. Establecer a propiedade colectiva dos grandes medios de produción e organizar a planificación da actividade económica. Cómpre transformar o noso actual patrón de consumo e crear un novo modo de vida.

A actual situación da clase traballadora é insostible. Como di Saskia Sassen vivimos nunha época de brutalidade e de expulsións de todo tipo, sendo o caso máis recorrente a expulsión de persoas traballadoras con baixos salarios e os desempregados dunha axeitada cobertura no seu acceso á sanidade e políticas sociais dignas. A clase traballadora vive as consecuencias da acumulación por desposesión levada a cabo polas oligarquías. Unha desposesión que coñece unha pluralidade de estratexias (expropiación, usurpación e explotación) e que se asenta en catro principios destrutivos, ben descritos por David Harvey: a privatización, a financiarización, a xestión e manipulación da crise-estafa, a redistribución da renda. A cacarexada saída da crise repousa nun aumento de formas de explotación laboral, en novas formas de espolio do traballo e desposesión de propiedades e dereitos sobre as formas de produción. O capital, como di o colectivo de economistas críticos TAIFA, quere destruír, domesticándoo, ao inimigo de clase, á clase obreira, á clase traballadora.

Os datos estatísticos da dereita camuflan, mediante xogos contables, a realidade que se agocha detrás do paro. Detrás dun 16,3% de taxa de paro hai realidades que se silencian. Un silencio que expulsa ás marxes da sociedade a milleiros de traballadores e traballadoras. Un silencio que asenta unha dobre invisibilización sobre a situación das mulleres. Un silencio que agocha esa masa crecente de milleiros de persoas que teñen que exiliarse por motivos económicos. Os actuais opresores expulsan de Galicia ás mans doutros verdugos do sistema capitalista, ás xeracións mellor preparadas. Así, Galicia esmorece. Galicia queda sen horizontes, sen futuro. Temos que impedilo. É urxente facelo.

Existe loita de clases. Claro que si. E este 1 de maio cómpre que rachemos co círculo de opresión do sistema capitalista. Galicia vive nunha sociedade vella, empobrecida e sometida ao xugo dos intereses da dereita e a súa oligarquía corrupta. 702.000 persoas, o 25,7%, sofren unha situación de pobreza e exclusión social; nun só ano, entre o 2015 e o 2016, as persoas que viven en situación de pobreza severa incrementáronse en máis de 38.000 ata acadar os 142.000 homes e mulleres. O emprego non serve para garantir unha vida digna: un 14,8% da clase traballadora vive empobrecida. A pobreza infantil incrementouse en Galicia e o 62,9% das persoas maiores de 65 anos sobrevive con salarios de pobreza.

Esta é a realidade da Galicia de hoxe. Cómpre actuar para reverter esta insoportable e intolerable situación. Facelo cun programa clase de ruptura coa orde establecida: dentro do capitalismo non é posible a igualdade social e de xénero. Non nos enganemos. Nin enganemos á cidadanía. Hoxe, 1 de maio de 2017, fagamos honra a ese inicio revolucionario do 8 de marzo de 1917 e saiamos á rúa para marcar o inicio dun calendario de reivindicacións, contestacións, mobilizacións e folgas que fagan retroceder ao capitalismo.

Descargar Manifesto 1 de Maio

Folleto 1 de Maio

 

Esquerda unida súmase ás convocatorias do 1 de Maio co motivo do Día da Clase Traballadora. A coordinadora de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, estará na Coruña e, o secretario de Organización, Rubén Pérez, acudirá á mobilización de Vigo.

Dende Esquerda Unida chamamos á cidadanía galega a participar nestas mobilizacións nas que tamén estarán presentes os membros da dirección de Esquerda Unida. Localizacións:

 

 

 YOLANDA DÍAZ, coordinadora nacional de EU e deputada de En Marea

Localización: A CORUÑA. Saída ás 12h. da praza da Palloza.

 

RUBÉN PÉREZ, secretario de Organización de Esquerda Unida

Localización: VIGO. Saída ás 11:30h. do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz.

 

EVA SOLLA, membro da dirección de EU, vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea.

Localización: VIGO. Saída ás 11:30h. do cruzamento da Vía Norte con Urzáiz.

 

XABIER RON, membro da dirección de Esquerda Unida.

Localización: SANTIAGO DE COMPOSTELA. Saída ás 12h. da Alameda.

 

CARLOS PORTOMEÑE, membro da dirección de EU e concelleiro de ACE-EU.

Localización: LUGO. Ás 12.30 h. Edificio sindical.

Relacionados