O neoliberalismo tecnocrático levado a cabo por Núñez Feijóo, con perfecto cálculo dos seus efectos e consecuencias para cos dereitos das persoas, representa unha fría espada de Damocles que ameaza con abaterse, de forma silenciosa, mais igualmente violenta, sobre as posibilidades vitais da lingua galega, en tanto que dereito das galegas e dos galegos a poder vivir en galego en todos os eidos da vida en sociedade.
As advertencias sobre a inaplicación de varios dos preceptos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (debéramos dicir minorizadas, pois é un efecto das políticas e estratexias do poder establecido) semellan non ter producido máis efecto ca unha defensa insulsa e pouco valente das políticas levadas a cabo pola Xunta de Galicia desde que nos desgoberna Núñez Feijóo.
Preguntámonos cal é a ambición da dereita neoliberal tecnocrática para co galego? Como poden seguir amparando unha falacia epistémica como a do bilingüismo harmónico, que non é máis ca unha coartada para unha paseniña substitución da lingua dominada e ‘minorizada’ (galego) pola dominante e ‘maiorizada’? Como é que non se ruborizan ante os recentes datos que nos falan do imparable proceso de desgaleguización? Non ten nada que ver con este feito o mal chamado Decreto do Plurilingüísimo que converte a nosa lingua nai nunha lingua estranxeira?
O último informe sobre os usos da lingua galega na mocidade, que foi presentado neste 2017, e que figura pendurado na páxina web do Consello da Cultura Galega, rexistra aspectos moi preocupantes que deberan alarmar ao executivo galego e ao departamento responsable da normalización da lingua galega.
A auto-representación da nosa lingua, mesmo nos grupos que a falan, é negativa, o que acelera e permite a existencia de actitudes e comportamentos prexuizosos cara ao galego, que non se dan con respecto ao castelán. O mesmo acontece no tocante ao mito da imposición, que sempre se dá co galego, nunca co castelán. O informe alerta de actitudes que acentúan a normalización da desigualdade histórica entre a lingua galega e a castelá, pois se o galego é vinculado a imposición, o castelán é elevado ao rango de liberdade. Son estas unhas daniñas percepcións que aniñan no imaxinario e conforman un atranco serio e real para que o galego se volva lingua de uso habitual na comunicación da mocidade.
Estas percepcións, acompañadas por unha reducidísima presenza de medios de comunicación en galego, así como por escasas expresións culturais en galego, fan que, de non producirse impulsos desde a Xunta de Galicia, o futuro da nosa lingua sexa cada vez máis fráxil. O informe mencionado fala do uso predominante do castelán no consumo cultural e mediático. O universo do lecer debe formar parte das estratexias da Xunta de Galicia á hora de deseñar políticas expansivas de uso.
Nos diferentes eidos que forman parte da enquisa levada a cabo polo Informe anterior, ponse de relevo que o castelán se impón en diferentes aspectos do medio académico, é habitual no medio laboral, onde, por momentos, o galego é claramente residual.
Desde Esquerda Unida reclamamos unha decidida actuación para garantir os dereitos lingüísticos de galegos e galegas. Con urxencia. Con rigor. O Plan Xeral de Normalización Lingüística pode ter plena validez. No entanto, sería óptimo unha actualización do mesmo, coa participación dos axentes sociais, para ter en conta a realidade do mapa de recursos e usos da lingua galega.
A lingua galega non é só unha ferramenta da que se demostra ter competencia. Non. De nada serve aseverar que existe competencia oral e escrita se logo non se usa. A lingua vive porque é o medio polo que se anoan e afortalan as relacións interpersoais. Por iso, o galego precisa ser recoñecido como útil para esas relacións interpersoais en todos os eidos da vida en sociedade.
A escola é un axente normalizador esencial, coa condición de que se faga desde o convencemento de que o galego non pode ser tratado coma se fose o inglés. Por iso, cómpre un novo decreto, que conte coa aprobación de toda a comunidade educativa. É urxente tamén que a Xunta ofreza xa unha avaliación das consecuencias do Decreto do Plurilingüismo. O último informe da Mesa pola Normalización Lingüística, A lingua galega na educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 2016/2017, rexistra situacións inadmisibles coma o feito de que existan máis materiais pedagóxicos e multimedia en lingua inglesa que en galego. Isto imposibilita o desenvolvemento dun ensino 100 por 100 en galego. A Xunta, en tanto que administración pública, debe garantir o acceso aos materiais didácticos e pedagóxicos e a súa diversidade. Non será preciso indicar que o castelán se converte en dominante.
Descargar Manifesto do 17 de Maio, Día das Letras Galegas, en PDF